A Xunta entrega á Federación de Veciños Lucus Augusti 100 colectores para facer compostaxe doméstica

O delegado territorial, Javier Arias, salientou que Sogama impartirá cursos de formación para explicarlles aos participantes como obter un compost de alta calidade

Actualmente 83 entidades da provincia luguesa forman parte do programa de autocompostaxe impulsado polo Goberno galego

Lugo, 23 de xullo de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda entregou hoxe 100 composteiros á Federación de Asociacións Veciñais de Lugo Lucus Augusti, que formalizou á súa adhesión ao programa de compostaxe doméstica impulsado pola Administración galega a través da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama).

Na entrega participou o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, xunto co presidente de Sogama, Javier Domínguez, e o da asociación veciñal, Jesús Vázquez. Con esta iniciativa promoverase a práctica da autocompostaxe por parte dos colectivos adscritos á federación mediante as distintas asociacións provinciais.

Arias explicou que o programa da Xunta, ademais do reparto de composteiros cunha capacidade de 400 litros, tamén implica recibir un curso de formación para instruír aos participantes na xestión de residuos, en aspectos como: onde localizar o compostador (nunha zona no exterior da vivenda, protexido das inclemencias do tempo e en contacto directo coa terra, para facilitar a entrada dos microorganismos); o control de parámetros que inflúen na compostaxe (o osíxeno, a temperatura ou a humidade); así como a relación de refugallos que deben -ou non deben- depositarse no compostador.

Ademais, os socios da federación de veciños tamén recibirán manuais didácticos nos que se detalla a dinámica que deben de seguir os usuarios para obter un compost de alta calidade.

O delegado engadiu que as persoas interesadas en informarse sobre esta técnica poden recorrer ao sitio web www.compostaconsogama.gal, co que se pretende difundir entre a poboación as vantaxes, tanto ambientais como económicas e sociais, da compostaxe doméstica.

Actualmente, un total de 83 entidades da provincia de Lugo forman parte do programa de autocompostaxe xestionado por Sogama: 44 concellos, 29 centros educativos e 10 colectivos sociais, que levan recibido 3.500 composteiros de xeito gratuíto.

A compostaxe é unha práctica que evita que a materia orgánica xerada nos fogares acabe depositada no contedor verde e dálle unha segunda oportunidade como un abono natural de alta calidade que regresa ao chan en forma de nutrinte.

Imaxes relacionadas