Feijóo constata a confianza da eólica offshore en Galicia abrindo novas oportunidades para a industria de Ferrolterra “que se traducen en emprego e facturación”

Resalta que o consorcio Navantia e Windar porá en marcha unha fábrica específica nos terreos do estaleiro en Fene, mellorando as súas capacidades ao abrirse a un novo produto dentro do sector de cimentacións mariñas fixas

Incide na necesidade de reverter a situación na que se atopa a comarca de Ferrolterra; un compromiso, di, que implica a todas as administracións públicas: “A solución pasa por sumar esforzos para buscar solucións”

Fene (A Coruña), 22 de xullo de 2021

O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, constatou hoxe a confianza da eólica offshore en Galicia, abrindo novas oportunidades para a industria de Ferrolterra “que se traducen en postos de traballo e facturación”.

Durante a súa asistencia, xunto á ministra de Facenda e Función Pública, María Jesús Montero, ao acto de sinatura do acordo entre Iberdrola, Navantia e Windar, Feijóo incidiu en que con esta firma para a fabricación e subministración de 130 cimentacións de tipo monopile XXL, a industria galega rubrica unha nova oportunidade que se traduce na predisposición de Iberdrola a realizar pedidos por valor de ata 400 millóns de euros entre os anos 2023 e 2025.

Para facelo posible, o titular da Xunta resaltou que o consorcio Navantia e Windar porá en marcha unha fábrica específica nos terreos de Navantia Fene, mellorando as capacidades do estaleiro ao abrirse a un novo produto dentro do sector de cimentacións mariñas fixas.

Consciente de que a eólica offshore é un sector en auxe que hai que potenciar garantindo a súa compatibilidade co resto das actividades económicas, Feijóo aproveitou o acto para destacar os traballos que Galicia está a levar a cabo neste ámbito, coa posta en marcha dunha estratexia para impulsar instalacións deste tipo de parques, sempre coordinados co sector pesqueiro; e coa creación do Observatorio da Eólica Offshore que integra á industria, ao sector da pesca e a Administración.

Así mesmo, e para avanzar neste obxectivo, recordou que Galicia está a traballar conxuntamente con Asturias e Cantabria para impulsar a enerxía eólica mariña a través dun desenvolvemento ordenado e respectuoso co entorno e co resto de actividades socioeconómicas.

Ao longo da súa intervención, o responsable do Executivo autonómico reiterou que a Xunta seguirá apoiando a Navantia, como ten feito ata agora a través da formación, do programa de Unidades Mixtas, das axudas para a dixitalización ou da Fábrica intelixente, entre outras iniciativas.

Nesta liña, Feijóo incidiu na necesidade de reverter a situación na que se atopa a comarca de Ferrolterra; un compromiso, dixo, que implica a todas as administracións públicas. “A solución pasa por sumar esforzos para buscar solucións”, abundou, referíndose á proposta para Ferrol elaborada pola Xunta en colaboración coas forzas económicas e sociais da comarca.

Unha iniciativa, recordou, na que se inclúen medidas relacionadas con Navantia como: a construción dun Buque de Acción Marítima que sirva para paliar este ano e medio en branco, ata o arranque da construción das F-110; a necesidade de dotar de carga de traballo á área de reparacións mediante o encargo da transformación do Buque Galicia; e a axilización do proceso de modernización do estaleiro Navantia Ferrol, investindo no dique seco e no taller de subbloques.

Sobre este mesmo punto, incidiu na importancia de potenciar as áreas de reparacións e carenas e de turbinas, así como de aproveitar a área de turbinas existente, co obxectivo de deseñar, desenvolver e comercializar novos produtos destinados a enerxías renovables. Ademais de avanzar na posta en marcha do Centro de Excelencia Navantia-Siemens de Ferrol, un centro que aspira a xerar 1.700 empregos e capacitar a 30.000 traballadores, a través de programas de formación.

Imaxes relacionadas