O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou por videoconferencia na Conferencia Sectorial para a mellora regulatoria e o clima de negocios

A Xunta avoga por establecer un diálogo aberto entre o Estado e as comunidades en asuntos tan importantes como os fondos Next Generation

Conde remarca a importancia de que o Goberno rectifique e estableza mecanismos de cooperación efectiva coas autonomías

Galicia preséntase cun traballo feito para poñer sobre a mesa que é a Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe por videoconferencia na constitución da Conferencia sectorial para a mellora regulatoria e o clima de negocios que, segundo dixo, deberá servir para establecer un diálogo aberto entre o Estado e as comunidades autónomas en asuntos tan importantes como a xestión dos fondos europeos Next Generation.

“Significa poder colaborar entre o Goberno e as comunidades autónomas para mellorar o clima de negocios e para mellorar sobre todo a seguridade xurídica que lle podemos ofrecer aos investidores”, subliñou Conde, quen remarcou a importancia de que o Goberno rectifique e estableza mecanismos de cooperación efectiva coas autonomías porque a planificación que está a seguir non responde ás competencias que teñen atribuídas ás comunidades autónomas nin ao establecido no sistema de financiamento.

Trátase de establecer liñas de acción que vaian encamiñadas a crear un clima favorable para a actividade empresarial e para a captación de investimentos cara ao noso tecido económico. E, nese sentido, Galicia se presenta cun traballo feito para poñer sobre a mesa que é a Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica.

Unha lei que busca trasladar confianza e seguridade xurídica ao tecido empresarial para apoiar os seus proxectos de investimento. Aliviar a carga burocrática e reducir os prazos e tramitación para dar a máxima axilidade aos procedementos. E que tamén amplía os supostos de iniciativas empresariais prioritarias e proxectos industriais estratéxicos nun momento en que cómpre dar as máximas garantías aos proxectos que optan aos fondos europeos Next Generation.

Imaxes relacionadas