O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o alcalde lalinense, José Crespo, visitaron hoxe o centro

A Xunta financia obras de mellora na escola infantil do polígono de Lalín que ascenden a case 36.000 euros

Os traballos afectan a elementos internos e externos da instalación, como a porta de acceso, ventás ou cerres infantís, entre outros

O Concello asume a execución da actuación, que sufraga o Consorcio con cargo ás liquidacións que corresponden por este servizo público

Lalín (Pontevedra), 22 de xullo de 2021

A Xunta de Galicia financiará varias actuacións de mellora na escola infantil situada no polígono empresarial de Lalín, pertencente á rede pública autonómica, por un valor de aproximadamente 36.000 euros. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, acompañado do alcalde deste concello pontevedrés, José Crespo, visitou esta mañá o centro para dar conta destes traballos, que se desenvolverán ao longo do vindeiro mes de agosto para estar listos en setembro co inicio do novo curso escolar.

As obras proxectadas axústanse ás necesidades postas en común coa comunidade educativa e contan coa supervisión dos servizos técnicos do Consorcio e do Concello. Estas afectan tanto a elementos internos como externos da escola e contemplan a mellora da porta de entrada, de ventás e dos cerres infantís; así como a instalación de dous areeiros. Tamén se acometerá a reparación da soleira de formigón e a pavimentación dunha rampla de acceso con caucho, entre outras actuacións.

O Concello ocuparase da execución dos traballos, que sufragará o Consorcio mediante a compensación das liquidacións que corresponde abonar á Administración local por este servizo público.

Centros de calidade

Perfecto Rodríguez explicou que o obxectivo desta intervención “é garantir ás familias que os seus pequenos reciben uns coidados e unha atención educativa de primeira calidade nas mellores instalacións”. O centro iniciará o vindeiro 6 de setembro o novo curso con 60 nenas e nenos matriculados.

Este mesmo modelo de actuación xa se seguiu na outra escola infantil que o ente autonómico ten en Lalín: a das Pontiñas. Neste centro levouse a cabo a reforma integral da cociña e ampliouse cunha aula máis, pasando de catro a cinco unidades no curso 2019-2020.

Imaxes relacionadas