A Xunta destaca o labor do grupo Inprosec como referente galego no eido da ciberseguridade grazas a súa aposta pola dixitalización e a internacionalización

O director de XesGalicia, Rubén Aguión, asistiu esta mañá en Vigo á celebración do décimo aniversario da compañía

Destaca o valor de iniciativas como a Business Factory Auto (BFAuto), que permitiu a InproTech, a empresa máis recente do grupo, dar os seus primeiros pasos en ciberseguridade industrial

Salienta a oportunidade que poden supoñer os fondos Next Generation para impulsar un ecosistema empresarial máis innovador e competitivo que dé resposta ás novas necesidades

Vigo, 21 de xullo de 2021

O director de XesGalicia, Rubén Aguión, participou hoxe en Vigo no acto de celebración do décimo aniversario do Grupo Inprosec, onde destacou o seu esforzo e traballo durante todos estes anos ata converterse nunha referencia da ciberseguridade a nivel autonómico e nacional.

“Hoxe estamos aquí para poñer en valor un proxecto que, en apenas dez anos, soubo xuntar dixitalización, internacionalización e xestión de riscos”, subliñou Aguión, salientando que estas son algunhas das claves principais da Industria 4.0.

Un continuo crecemento no que grupo contou co apoio do Goberno galego a través de programas como o ReAcciona, impulsado polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), para favorecer a súa dixitalización. Así mesmo, durante estes anos a iniciativa empresarial ten impulsado misións comerciais en México, onde contan xa cunha filial desde 2016.

Neste marco, o director de XesGalicia destacou tamén a contribución ao emprendemento e a mellora competitiva que supoñen iniciativas como a Business Factory Auto (BFAuto), a cal permitiu a InproTech –a empresa máis recente do grupo– dar os seus primeiros pasos en ciberseguridade industrial.

A colaboración entre a Xunta e o grupo ten permitido tamén a súa adhesión ao Nodo de Ciberseguridade que coordina a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Unha iniciativa que busca, a través da coordinación público-privada, facer fronte aos ataques cibernéticos e aproveitar as vantaxes que presenta a nova era dixital.

Neste sentido, o director de XesGalicia salientou a oportunidade que poden supoñer os fondos europeos Next Generation para impulsar un ecosistema empresarial máis innovador e competitivo, capaz de dar resposta ás novas necesidades provocadas pola pandemia.