Volve ‘Monumenta’, o programa da Xunta que combina rutas a pé con actividades culturais

Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe no Mosteiro de Carboeiro (Silleda) os novos itinerarios, centrados moitos deles nas rutas de peregrinación a Santiago co gallo do Xacobeo

O ciclo desenvolverase do 6 de agosto ao 12 de setembro en 14 localidades cunha oferta que busca o equilibrio entre divulgación e lecer

Silleda (Pontevedra), 20 de xullo de 2021

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe a nova edición do programa Monumenta, andar con arte, enmarcado na celebración do Xacobeo 21-22 e co que a Xunta ofrece un ciclo de rutas a pé combinadas con diversas experiencias culturais. O punto elixido para dar a coñecer a iniciativa foi o Mosteiro de Carboeiro, en Silleda, de onde partirá o último dos 14 percorridos que terán lugar do 6 de agosto ao 12 de setembro.

Segundo explicou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, Monumenta, andar con arte xorde como programa de actividades culturais “arredor da acción de camiñar e da experiencia do percorrido, como a máis antiga das maneiras de explorar e vivir o territorio”. Monumenta escoita, no que participan artistas galegos emerxentes, ou Monumenta circular, centrada nas actividades da economía local, complementan os itinerarios previstos.

Nesta nova edición continúase coas prácticas que identifican o ciclo, como son as visitas ao patrimonio monumental ou etnográfico, a divulgación dos elementos físicos e ambientais e, sobre todo, o equilibrio entre divulgación e lecer. Porén, o secretario xeral de Cultura apuntou que, co gallo da celebración do Xacobeo, as diversas rutas de peregrinación a Santiago cobran especial relevancia na oferta deseñada este ano.

Anxo M. Lorenzo destacou tamén que Monumenta 2021 vai máis aló no apoio á creatividade e á innovación nas políticas culturais relacionadas co patrimonio. Deste xeito incorpóranse ou reforzan a súa presenza a literatura, o cinema, a arte contemporánea, a economía circular, o rural ou a participación social. Outra das novidades desta edición do ciclo cultural é a aproximación ao Bierzo leonés cunha andaina en Congosto do Bierzo.

Así mesmo, referiuse á participación de 31 especialistas e divulgadores do patrimonio cultural e natural, que actuarán como camiñantes convidados para contar as historias de cada percorrido.

Rutas nas catro provincias

Monumenta 2021 arranca o 6 de agosto no concello coruñés de Pontedeume, con Os contactos culturais nos camiños marítimos, unha ruta circular de dous quilómetros polo casco antigo. Outras localidades coruñesas incluídas na programación son Vimianzo, coa ruta Peregrinas a Compostela, e Ribeira, onde se percorrerá a paisaxe litoral na punta de Corrubedo. En Lugo haberá rutas no Cebreiro, cun pequeno treito do Camiño Francés; no Saviñao, centrada nas bágoas de San Lourenzo; en Ribas de Sil, cun achegamento á minaría aurífera, e no Corgo, para coñecer os Os bosques sagrados de Galicia.

Desenvólvese tamén nos concellos ourensáns de Oímbra, cunha ruta arqueolóxica pola Vía da Prata; San Cristovo de Cea, A vila do bo pan, e Boborás, co itinerario O Camiño Miñoto Ribeiro. En Pontevedra, os percorridos sitúanse en Ponteareas para afondar nos cultos, ritos e lendas dos penedos galegos; en Cerdedo-Cotobade, coa Vía Mariana luso-galaica; e en Silleda, coa ruta desde Carboeiro a Kumano Kodo en Xapón. A estrea da primeira ruta leonesa do programa será con O Camiño esquecido, en Congosto do Bierzo.

Imaxes relacionadas