A Consellería de Sanidade e o Concello de Campo Lameiro asinan un convenio de colaboración para a reforma do centro de saúde

O investimento deste proxecto de mellora ascende a 94.812 euros, partida económica que será cofinanciada a partes iguais polo Sergas e o concello

Pontevedra, 20 de xullo de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa Domínguez, asinaron hoxe un acordo bilateral no que se establecen as bases para o financiamento das obras de reforma do centro de saúde da localidade. No acto, estiveron acompañados pola directora Xeral de Recursos Económicos do Sergas, María Jesús Piñeiro Bello, e polo xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e Salnés, José Ramón Gómez Fernández.

O investimento deste proxecto de mellora ascende a 94.812 euros, partida económica que será cofinanciada a partes iguais polo Sergas e o concello. O conselleiro de Sanidade agradeceu a boa disposición do alcalde para poder asinar este convenio, con tempo suficiente para que se poida licitar a obra e executarse en prazo. Deste xeito, o persoal e os pacientes do centro de saúde de Campo Lameiro contarán a partir do ano que vén cun centro de saúde mellor e máis confortable.

As obras, logo do informe dos técnicos do Sergas que visitaron o centro, consistirán na renovacións das cubertas e do soportal do edificio, incluíndo canles, baixantes e illamento térmico, así como da construción dun novo soportal cuberto no lateral dereito do edificio para o acceso dos pacientes desde a ambulancia.

Modificarase tamén a rampla de acceso para cumprir cos requisitos legais de accesibilidade, crearase unha sala covid e ampliarase e renovarase a porta da sala de urxencias. A actuación tamén contempla a renovación da pintura interior, azulexos, instalación eléctrica e radiadores, e a substitución da carpintería exterior por outra con rotura de ponte térmico e dobre acristalamento.

Renovación de infraestruturas de atención primaria

A sinatura deste convenio significa dar un paso máis na renovación das infraestruturas da atención primaria que hai na nosa comunidade. Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 87 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre 74.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as sete obras que están en marcha. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 115 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

En concreto, na provincia de Pontevedra, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde en Cotobade (Tenorio), Pontevedra (A Parda), Sanxenxo (Vilalonga), Marín, Tui, Oia, Gondomar, Salceda de Caselas ou Nigrán (Panxón), e importantes reformas na Illa de Arousa, Vilaboa, Valga, Vilanova de Arousa, Pazos de Borbén, Crecente, Cuntis, Cambados, Covelo ou Mondariz-Balneario. Nesta lexislatura vense de poñer en marcha o centro de saúde da Estrada, e de asinar o protocolo para iniciar a construción dun novo centro de saúde en Soutomaior. Están xa en obras o novo CIS de Lalín e o novo centro de saúde de Bouzas (Vigo), así como adxudicadas as obras de reforma do centro de saúde do Porriño e o proxecto do novo centro de saúde de Moaña.

Esta lexislatura comezou co compromiso da Xunta de completar unha renovación integral do Sergas. En consecuencia, os Orzamentos para 2021, os primeiros desta lexislatura, contemplan un incremento do 108% no capítulo de investimentos para atención primaria, pasando de 26 millóns en 2020 a 55 millóns de euros neste ano 2021.

Engadido a todo o anterior, a Xunta ten intención de continuar esa renovación integral do primeiro nivel asistencial con dúas iniciativas. Por un lado, un Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, no que definiranse as actuacións prioritarias para o Sergas, e, por outro, unha reforma organizativa, que aposte por un modelo máis resolutivo e máis multidisciplinar, para o que Sanidade está a traballar no Consello Técnico de Atención Primaria con todos os colectivos, e para o que creouse unha Dirección Xeral de Reforma Sanitaria que pilote o proceso.

Para todo isto é fundamental actuar tamén nos centros de saúde que aínda seguen a ser de titularidade municipal. Existe un Pacto Local para ir asumindo progresivamente desde a Xunta estes centros. Desde 2009 xa se asumiron máis de 90 e, aínda que o proceso é lento, hai que destacar que, desde 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local, inclúe a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde do grupo 1, que son aqueles coma este cuxo edificio está dedicado integramente ao fin sanitario.

Así, nos orzamentos da Xunta de 2021 prevese a reserva de 2,23 millóns de euros do Fondo de Cooperación Local aos concellos de menos de cincuenta mil habitantes que teñen que asumir os gastos de funcionamento dos centros de saúde da súa titularidade.

En definitiva, a Xunta colabora cos concellos no mantemento habitual destes centros e tamén colabora cando, como neste caso, hai que facer reformas importantes.
 

Imaxes relacionadas