O festival Bal y Gay levará 10 concertos de música clásica á Mariña Lucense en agosto co apoio da Xunta

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, participan hoxe en Foz na presentación dos concertos do vindeiro mes

As actuacións desenvolveranse do 18 ao 26 de agosto en espazos singulares de Foz, Ribadeo, Barreiros, Burela, Cervo, Vilanova de Lourenzá e Mondoñedo

Foz (Lugo), 20 de xullo de 2021

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participaron hoxe na presentación dos concertos de agosto do festival de música Bal y Gay, que, baixo o título Música á beira do mar, levará 10 recitais de música clásica á Mariña na segunda quincena de agosto. Trátase da oitava edición da iniciativa creada pola Asociación Xesús Bal y Gay en 2014, que conta un ano máis co apoio da Xunta de Galicia no marco da súa aposta por diversificar e descentralizar os eventos culturais para achegalos a todo o territorio galego.

Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade salientou a necesidade de xerar programación cultural de primeiro nivel que á vez teña capacidade de chegar ao máximo número posible de persoas, como acontece co festival Bal y Gay. O secretario xeral incidiu na singularidade deste circuíto, que ademais de divulgar música de calidade, o fai en escenarios de especial valor histórico, patrimonial ou paisaxístico, co que tamén contribúe a fomentar o turismo cultural.

Así mesmo, Anxo M. Lorenzo eloxiou o traballo desenvolvido pola organización do evento, que conseguiu convertelo xa nun referente grazas a un coidado cartel de artistas, e que foi quen de levar adiante as últimas edicións mesmo nun contexto de especial dificultade por mor da pandemia. “O voso compromiso coa música e co público fai posible que tanto veciñanza como visitantes sigan gozando dunha das mellores citas de música clásica en pequeno formato de Galicia e que o fagan con total confianza e seguridade”, engadiu.

As primeiras actuacións, o 18 en Foz

As actuacións arrancan en Foz, onde o 18 de agosto, no Pazo do Conde de Fontao, o Cuarteto Seikilos ofrecerá obras de Turina, Ravel, del Campo e Gómez. O día 19 será a quenda de Cantoría, que interpretará a Monteverdi na igrexa de Santiago. Pola súa banda, Beethoven, Chopin, Granados e Listz serán os protagonistas dun concerto o día 20 no Auditorio Hernán Naval de Ribadeo, da man de Javier Perianes.

A orquestra de cámara do festival Bal y Gay, con Jaume Santonja de director e María Toledo de cantaora, ofrecerá El amor brujo de Falla o día 21 no auditorio de Burela. Na xornada do 22 haberá dúas funcións, Puro Gershwin na finca Goleta de Foz con Sheila Blanco como vocalista, Federico Lechner ao piano e Chema Sáiz á guitarra; e de Hércules Brass en Barreiros, con pezas de Holborne, Bach, Verdi, Puccini, Turina y Bizet. Esta actuación repetirase o día 23 en Vilanova de Lourenzá.

Xa o 24, na Fábrica de Sargadelos de Cervo escoitaranse obras de Albéniz, Granados, Rodrigo, Bal y Gay y Tárrega da man de Pablo Sáinz-Villegas, e, o 25, Cuarteto Casals interpretará a Mozart, Saalim e Shostakovich na Basílica de San Martiño de Foz. Finalmente, o 26 o espazo elixido é a Catedral de Mondoñedo, na que Orquestra Sinfónica de Galicia con Dima Slobodeniouk tocará obras de Bach, Turina e Adams.

O festival complétase con concertos familiares da man de Cantoria os días 20, 21 e 22 en Cervo, Ribadeo e Mondoñedo, co ciclo de conferencias en liña Follas de álbum e cos obradoiros Recordos musicais en residencias de maiores de Trabada e Ribadeo.

Imaxes relacionadas