A Xunta organiza un curso sobre técnicas de cultivo en viticultura para 20 profesionais do sector

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) organiza esta formación a través da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), que terá lugar no concello de Leiro (Ourense) a partir do vindeiro luns

O curso conta cunha duración de 35 horas, nas que se formará a viticultores e adegueiros a través de conceptos clave que posteriormente poidan poñer en práctica nas súas explotacións
 

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2021

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), órgano dependente da Consellería do Medio Rural, organiza a través da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) un curso sobre técnicas de cultivo en viticultura. A formación, que se impartirá no concello de Leiro, Ourense, conta cun total de 20 prazas e ten previsto dar comezo o vindeiro luns 26 de xullo.

O curso terá unha duración de 35 horas, durante as cales se formará a viticultores e adegueiros nos temas máis importantes relacionados coa viticultura, abordando conceptos que lles permitan posteriormente poñelos en práctica nas súas explotacións. Así, o temario tratará diversas cuestións como as variedades de vide, a súa plantación, o manexo do material vexetal e o mantemento do solo. Tamén se abordarán outros conceptos como as técnicas de prevención e métodos de control de enfermidades e pragas da vide, o mantemento do solo ou a aplicación de fitosanitarios.

Esta acción formativa está destinada principalmente tanto a persoas vinculadas profesionalmente aos sectores produtivos relacionados coas explotacións agrarias, preferiblemente vitivinícolas, como mozos e mozas que desexen incorporarse ao sector agrario ou continuar coa súa formación neste eido.

Todos os interesados poderán anotarse no curso ata 25 de xullo cubrindo a solicitude dispoñible na páxina web da Consellería do Medio Rural. Esta deberá remitirse finalmente á Evega ao correo electrónico evega.medio-rural@xunta.gal . Para máis información sobre o curso, pódese visitar o seguinte enlace: https://evega.xunta.gal/gl/actualidade/curso-de-viticultura-tecnicas-de-cultivo

Agacal ten como obxectivo mellorar a produtividade e a xeración de valor engadido no rural a través da organización de cursos coma este, que se enmarcan no plan de formación continua 2021. Deste xeito, búscase potenciar a remuda xeracional para consolidar un modelo produtivo sólido e sustentable do agro galego.
 

Imaxes relacionadas