O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, reuniuse hoxe co director do Centro Tecnolóxico Multisectorial (Cetim), Toni Pons

A Xunta apoia a aposta que o Centro Tecnolóxico Cetim está a facer pola economía circular

Cetim é un dos centros tecnolóxicos que colabora na candidatura galega para optar aos fondos europeos Next Generation dentro do Polo para a Transformación de Galicia

Entre os proxectos que lidera no marco destes fondos, destaca o que prevé a rehabilitación das infraestruturas da Fábrica La Cross, en Culleredo (A Coruña), para converter estas instalacións nun centro de excelencia en economía circular

A Xunta de Galicia ofreceu a súa colaboración nesta iniciativa que Cetim presenta aos fondos Next Generation, polo que se agarda que exista un compromiso do Goberno central con este proxecto

Conde salienta que Cetim presta un grande apoio ao tecido empresarial galego, especialmente ás pemes, naquelas áreas estratéxicas nas que dispón de capacidades, como a de materiais avanzados, biotecnoloxía ou dixitalización

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro co director do Centro Tecnolóxico Multisectorial (Cetim), Toni Pons, ao que lle trasladou o apoio da Xunta de Galicia na aposta que está a facer pola economía circular no marco dos fondos europeos Next Generation.

Durante a reunión, na que tamén estivo o alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, o vicepresidente económico salientou que Cetim presta un grande apoio ao tecido empresarial galego, especialmente ás pemes, naquelas áreas estratéxicas nas que dispón de capacidades, como a de materiais avanzados, biotecnoloxía ou dixitalización. De feito, o pasado ano mobilizou 152 millóns de euros e, neste momento, ten en execución 57 proxectos dos que o 90 por cento están relacionados coa sustentabilidade e a economía circular.

Cetim é un dos centros tecnolóxicos que colabora na candidatura galega para optar aos fondos Next Generation dentro do Polo para a Transformación de Galicia. Participa, ademais, en 24 manifestacións de interese.

Entre os proxectos que lidera, destaca o que prevé a rehabilitación das infraestruturas da Fábrica La Cross, en Culleredo (A Coruña), para converter estas instalacións nun centro de excelencia en economía circular.

Concretamente, o proxecto, cun investimento que acada os 29 millóns de euros, foi presentado á Manifestación de Interese de Fomento da Economía Circular do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. Busca crear un complexo de referencia en investigación e desenvolvemento de tecnoloxías circulares, que ofreza servizo a administracións e empresas e dea soporte á I+D+i en sectores estratéxicos como a alimentación, o forestal, o téxtil, o TIC, o sector da automoción ou o relacionado coa auga e o tratamento de subprodutos e residuos, entre outros. Ademais, albergaría unha incubadora de empresas, espazos de formación e coworking e un edificio para servizos públicos.

A Xunta de Galicia ofreceu a súa colaboración nesta iniciativa que Cetim presenta aos fondos europeos Next Generation, polo que se agarda que exista un compromiso do Goberno central con este proxecto.

Conde recoñeceu que, con esta proposta, Cetim contribuiría ao desenvolvemento social e económico a través da transferencia de coñecemento ao tecido empresarial, e que permitiría a atracción de empresas e de talento científico-tecnolóxico coa incorporación de máis de 70 profesionais de alta cualificación. Tamén daría apoio ás empresas, promovería o emprendemento, e axudaría a identificar oportunidades para o desenvolvemento de proxectos innovadores no ámbito da economía circular.

Imaxes relacionadas