O titular do Goberno galego mantivo esta tarde unha reunión co presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes

Feijóo e Freixanes avalían as liñas de colaboración para seguir traballando a prol da lingua e a súa difusión

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2021

O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, avaliaron hoxe as liñas de colaboración para seguir traballando a prol da lingua e a súa difusión.

Durante unha xuntanza mantida esta tarde, ambos coincidiron na necesidade de seguir fomentando o uso do galego entre a xuventude e nas empresas, de acordo coas liñas de traballo desenvolvidas nos últimos anos. Ademais de resaltar o labor que está a levar a cabo a Real Academia Galega no eido da toponimia, a través do proxecto Galicia Nomeada, que conta xa con máis de 2.200 colaboradores e máis de 28.700 topónimos.

Logo de precisar que estas iniciativas poñen de relevancia a importancia de que o traballo ao redor da lingua se faga de xeito conxunto, desde todas as instancias desde as que se constrúe Galicia -a Administración, a economía, a empresa, a cultura, etc.-, Feijóo garantiu tamén o apoio do Goberno autonómico a esta institución.

Sobre este punto, o presidente do Executivo autonómico salientou que neste 2021 a RAG recibirá o maior financiamento procedente da Xunta nos últimos anos, chegando aos máis de 670.000 euros.

Outro dos asuntos tratados que se abordou na reunión foi o acordo do pleno da Real Academia Galega de homenaxear no Día das Letras Galegas 2022 ao poeta, articulista e editor literario Florencio Delgado Gurriarán. Unha celebración á que a Xunta se sumará activamente para recoñecer as achegas deste valdeorrés, primeiro en Galicia e despois desde o exilio en México.

Imaxes relacionadas