A Xunta celebra mañá no centro de formación de Monforte de Lemos un curso sobre apicultura

Organizado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, a iniciativa está dirixida a persoas vinculadas profesionalmente coa agricultura, a gandería, a industria agroalimentaria e o sector forestal ou con expectativas de incorporación, en especial mozos e mozas do rural galego

O curso centrarase nos fundamentos teóricos da cría de abellóns (macho da abella) e na produción intensiva de núcleos (colmeas)
 

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2021

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), celebra mañá un curso sobre apicultura no centro de formación e experimentación agroforestal de Monforte de Lemos.

O curso -que contará cunha duración de 8 horas repartidas en dúas xornadas de tarde- centrarase nos fundamentos teóricos da cría de abellóns (macho da abella) e as súas peculiaridades xenéticas. Tamén se abordarán os sistemas de crianza máis empregados e a produción intensiva de núcleos (colmeas). Na parte práctica, abordarase a preparación da colmea para a produción de abellóns e a elaboración dos núcleos máis comúns.
O obxectivo é transmitir ao alumnado a importancia de traballar tamén na parte da cría dos machos de abella e o seu papel fundamental nos acoplamentos, complementando desta forma a crianza de raíñas para obter uns resultados óptimos. Desta forma, preténdese fomentar a profesionalización do sector apícola, un eido agrario de gran repercusión económica e medio ambiental que está en auxe nos últimos anos.

Canto aos participantes, a acción está dirixida a persoas vinculadas profesionalmente coa agricultura, a gandería, a industria agroalimentaria e o sector forestal ou con expectativas de incorporación, en especial mozos e mozas do rural galego.

Axudas apicultura

Cabe lembrar que a Consellería do Medio Rural ampliou recentemente o orzamento das axudas destinadas a mellorar a produción e comercialización dos produtos de apicultura ata chegar a preto de 1,3 millóns de euros, o que supón un aumento de case o dobre do orzamento do ano pasado, que era de 724.105 euros.

Así, as axudas dispoñen de seis liñas de subvención diferentes: para a asistencia técnica (dirixida só a agrupacións de apicultores), para a loita contra as agresións e enfermidades da colmea, para a racionalización da transhumancia, para medidas de apoio aos laboratorios de análise de produtos apícolas co obxectivo de axudar ás persoas apicultoras a comercializar e a valorizar os seus produtos, para apoiar a repoboación da cabana apícola e para facer seguimento de mercado.

Deste xeito, poden beneficiarse destas axudas tanto cooperativas, organizacións representativas e asociacións de apicultores con personalidade xurídica propia como particulares titulares de explotacións apícolas. A convocatoria de 2021 xa está pechada.