A Xunta anima ás empresas galegas a solicitar as axudas do programa Conecta Covid para levar a cabo proxectos de I+D relacionados coa covid-19 que impulsen a dixitalización

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, presentou hoxe a nova convocatoria nun webinario no que participaron os Hubs de innovación dixital Dihgigal e Datalife, entidades colaboradoras no programa

Indicou que esta liña de axudas, que conta cun investimento de 4 M€, está orientada ao dobre obxectivo de facer fronte á pandemia e contribuír á transición dixital das empresas, especialmente das pemes, favorecendo a recuperación económica de Galicia

Os interesados poderán presentar as súas solicitudes ata o próximo 13 de agosto

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2021

A Xunta de Galicia presentou esta mañá a nova convocatoria do programa de axudas Conecta Covid, posto en marcha pola Axencia Galega de Innovación (Gain) para seguir avanzando en proxectos de I+D relacionados coa pandemia e apoiar a transición dixital do tecido empresarial galego –especialmente das pemes– para contribuír, deste xeito, á recuperación económica de Galicia.

Así o asegurou a directora de Gain, Patricia Argerey, nun webinario no que participaron os Hubs de Innovación Dixital galegos, Dihgigal e Datalife. “A covid-19 segue presente e desde a Xunta de Galicia seguiremos reforzando a investigación e a innovación para acadar solucións que impacten na vida das persoas”, manifestou.

Argerey apuntou que esta nova liña de axudas vén completar o conxunto de actuacións postas en marcha pola Xunta para facer fronte á pandemia a través da I+D+i, a través dun investimento total de 14 millóns de euros. Tamén remarcou que esta é a segunda iniciativa realizada en colaboración cos Hubs de Innovación Dixital, referíndose ao programa Conecta Hubs, destinado a apoiar o desenvolvemento de proxectos de I+D+i no eido da dixitalización das pemes.

Detalles da convocatoria

A convocatoria Conecta Covid contará cun orzamento de 4 M€, susceptible de financiamento no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. Así, o obxectivo é mobilizar 6 M€ grazas ao cofinanciamento privado das empresas galegas.

O programa contará con dúas liñas de actuación: unha destinada a proxectos de investigación industrial e desenvolvemento experimental relacionados coa covid-19 e outra de iniciativas de innovación en produtos, vinculada tamén a esta enfermidade. Poderán desenvolverse de xeito individual ou a través de agrupacións –de dúas a seis entidades–.

As empresas interesadas terán de prazo ata o próximo 13 de agosto para presentar os seus proxectos, orientados á investigación sobre vacinas, medicamentos e tratamentos, produtos sanitarios e equipos hospitalarios e médicos, desinfectantes, roupa e equipos de protección, así como innovacións de procesos para unha produción eficiente dos produtos necesarios.

Ademais, deberán contribuír ao apoio ás pemes galegas; á transición e transformación dixital das pequenas e medianas empresas nos eidos estratéxicos dos Hubs galegos de innovación dixital; á transición verde da economía galega e a integración da dimensión social da innovación; estar orientados ao mercado e á mellora da competitividade; así como aliñados coa Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia e ser desenvolvidos na Comunidade.

Poderán realizarse pagamentos anticipados de ata o 80% da axuda concedida, que podería acadar o 100% no caso de que as iniciativas rematen este ano ou no 2022. Ademais, a intensidade da axuda, que depende da liña e do tamaño de empresa, pode chegar ao 80% no caso das pemes e o 100% no caso dos organismos de investigación.

Imaxes relacionadas