A Xunta reúnese coa Asociación de Familias Monoparentais de Galicia para escoitar as súas propostas sobre o Decreto que regulará o rexistro e a súa definición

As entidades e particulares interesados poden realizar as súas suxestións e achegas ata o día 23 a través da consulta aberta publicada no Portal de Transparencia

A Lei de Impulso Demográfico de Galicia, pioneira en España, recolle a creación desta ferramenta, para o que é necesario definir previamente o concepto e tipoloxías destas unidades familiares, xa que non figura na lexislación estatal

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2021

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, mantivo esta mañá unha reunión coa Asociación Galega de Familias Monoparentais (Fagamos) para recoller as súas achegas de cara á elaboración do Decreto que regulará tanto o futuro rexistro como a definición destas unidades familiares. A xuntanza enmárcase na rolda de consultas que o responsable deste departamento autonómico está a manter con diferentes entidades para sentar as bases da futura normativa galega.

Ademais de ás agrupacións que representan ás familias monoparentais, a Xunta de Galicia invita a toda sociedade galega a participar na elaboración do decreto que regulará o primeiro Rexistro de Familias Monoparentais co que contará a comunidade autónoma. Todas aqueles persoas ou entidades que queiran formular achegas ou opinións que contribúan á redacción da norma que rexerá esta ferramenta poderán envialas ata o venres, día 23, por vía electrónica a través do formulario habilitado na páxina web do Portal de Transparencia.

O decreto que se elaborará tendo en conta estas achegas busca cumprir un dobre obxectivo: por unha banda, regular o concepto de familia monoparental, establecendo os requisitos de acceso á condición, identificando os tipos, limites de idade e documentación acreditativa, entre outros aspectos, co obxectivo de xerar seguridade xurídica e establecer un procedemento específico que unifique o acceso aos posibles beneficios que neste ámbito vaian xerando as distintas Administracións Públicas.

A necesidade de definir as características que debe reunir unha unidade familiar para ser considerada monoparental responde a que esta figura no está recollida na lexislación estatal, como si ocorre, por exemplo, coas numerosas, polo que debe ser a comunidade autónoma a que estableza os requisitos necesarios para obter esta condición.


Por outra banda, unha vez definido o concepto e as características destas unidades, a norma concretará a creación do Rexistro de Familias Monoparentais Galegas ao que terán acceso, o seu funcionamento, a súa organización e a súa xestión, co obxectivo de dotalas de visibilidade e unificar o acceso aos posibles beneficios aos que teñan dereito.

Normativa autonómica

A posta en marcha desta ferramenta autonómica está recollida na Lei 5/2021, de 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia, que fixa un prazo de seis meses desde a súa entrada en vigor. A norma galega tamén inclúe a aprobación dun Plan de Apoio ás Familias Monoparentais, que comezará a elaborarse unha vez estean definidas as cuestións relativas ao concepto e a regulación do rexistro destas unidades familiares.

O artigo 13 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, xa estableceu a condición especial das unidades monoparentais como merecedoras de consideración e protección específica por parte dos poderes públicos. Agora a Xunta de Galicia dá un paso máis coa creación do rexistro e a regulación do acceso ao mesmo.

Imaxes relacionadas