En Galicia estímase que unhas 600.000 persoas se abastecen mediante sistemas de traída propios, xa sexan veciñais ou individuais

A Xunta publica hoxe no DOG unha nova convocatoria de axudas para a mellora do servizo e da calidade da auga das traídas veciñais cun investimento de 500.000 euros

Serán subvencionables os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro deste ano destinados á mellora do estado das instalacións de captación, potabilización e almacenamento nas traídas xestionadas polas comunidades de usuarios

Os incentivos cubrirán o 80% do financiamento das actuacións que resulten elixidas, ata un máximo de 15.000 euros por proxecto

O 40% do importe da convocatoria, 200.000 euros, destinaranse ao financiamento de actuacións que presenten comunidades de usuarios de ata 50 membros e os 300.000 euros restantes, o 60%, ás comunidades de usuarios con máis membros

Os interesados poden solicitar as axudas desde mañá e contan cun prazo dun mes para presentar as súas solicitudes

O departamento que preside Ethel Vázquez lanzou o pasado ano a primeira convocatoria destas axudas, en apoio ao importante papel das traídas veciñais no ámbito rural, en moitas ocasións, a solución máis eficiente para abastecer ás poboacións máis afastadas

Santiago de Compostela,19 de xullo de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha nova convocatoria de axudas para a mellora da calidade da auga das traídas veciñais, por importe de 500.000 euros, para os exercicios 2021 e 2022.

Esta liña de axudas vai destinada a impulsar actuacións que melloren a prestación do servizo de abastecemento de auga para consumo humano e a calidade de auga xestionadas por comunidades de usuarios, fomentando o emprego eficiente dos recursos hídricos. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse toda a información: https://xurl.es/fobq4

Serán subvencionables os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro de 2021 destinados á mellora do estado das instalacións de captación, potabilización e almacenamento nas traídas xestionadas polas comunidades de usuarios.

As axudas cubrirán o 80% do financiamento das actuacións que resulten elixidas, segundo a criterios obxectivos, ata un máximo de 15.000 euros por proxecto. O 20% do financiamento restante deberá ser achegado pola propia comunidade de usuarios que resulte beneficiaria da subvención, sendo compatible con outras subvencións ou axudas.

O 40% do importe da convocatoria, é dicir, 200.000 euros, destinarase ao financiamento de proxectos de comunidades de usuarios de ata 50 membros. Os outros 300.000 euros, o 60% restante, estará dirixido ás actuacións de comunidades de usuarios con máis membros.

Para poder optar a estes incentivos, as comunidades de usuarios deberán estar constituídas legalmente, sendo compatibles con outras que, para a mesma finalidade, concedan outras administracións públicas.

As comunidades de usuarios poden solicitar as axudas desde mañá e contan cun prazo dun mes para presentar as súas peticións.

O departamento que preside Ethel Vázquez lanzou o pasado ano a primeira convocatoria destas axudas, en apoio do importante papel das traídas veciñais no ámbito rural ao ser, en moitas ocasións a solución máis eficiente para abastecer a poboacións que se atopan máis afastadas. Deste xeito, a lexislación estatal de augas bríndalles xa un marco lexislativo especial, outorgándolle carácter de corporacións de dereito público adscritas e tuteladas polo organismo de conca.

Cómpre lembrar que, no caso de Galicia, as especiais características poboacionais, cunha forte dispersión, fai que se teña recorrido de xeito habitual a solucións autónomas para abastecerse de auga potable. De feito, estímase que unhas 600.000 persoas en Galicia utilizan pequenos sistemas de abastecemento propios, xa sexan veciñais ou individuais.

Imaxes relacionadas