A Xunta avalía co Goberno de Canarias vías de colaboración no sector aeronáutico

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta semana unha reunión co viceconselleiro de Presidencia do Goberno de Canarias, Antonio Olivera, na que lle informou da Estratexia do Polo Aeroespacial de Galicia ata 2025

Na xuntanza tamén se abordou a posibilidade de establecer sinerxías no desenvolvemento da eólica mariña, lembrando que desde Galicia a prioridade é que se realice desde o respecto, equilibrio e compatibilidade coas actividades pesqueiras
 

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2021

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta semana unha reunión de traballo co viceconselleiro de Presidencia do Goberno de Canarias, Antonio Olivera, para explorar posibles vías de colaboración no sector aeronáutico.

O vicepresidente económico trasladoulle durante o encontro a aposta que a Comunidade galega vén realizando desde 2015 neste eido a través do Polo Aeroespacial de Galicia, un compromiso que se ratifica coa posta en marcha da Estratexia 2021-2025. De feito, esta nova folla de ruta establece como principais prioridades para Galicia o desenvolvemento industrial da rexión; o fomento das capacidades tecnolóxicas e innovadoras a través da xeración e transferencia de coñecemento ao mercado –o que permitirá a comercialización dos produtos e solucións innovadoras–; e a creación de emprego de calidade.

Na xuntanza tamén se abordou a posibilidade de establecer sinerxías no desenvolvemento da eólica mariña de Galicia. Neste sentido, a Xunta participou na constitución do Observatorio da eólica mariña, un novo instrumento deseñado como punto de encontro onde identificar oportunidades e analizar o impacto que suporía a instalación de parques eólicos mariños nas costas galegas.

A Xunta defende a unidade e o consenso e, por iso, cada paso que se dea no desenvolvemento deste sector será sometido ao acordo de todas as partes implicadas e tendo en conta que a prioridade é o respecto, o equilibrio e a compatibilidade coas actividades pesqueiras e a preservación do seu ecosistema.
 

Imaxes relacionadas