A Xunta organiza durante o verán unha decena de escolas de río para dar a coñecer a pesca sostible entre a mocidade galega

A Xunta organiza durante o verán unha decena de escolas de río para dar a coñecer a pesca sostible entre a mocidade galega

A formación, en colaboración coa Federación e cun investimento autonómico de 21.000 euros, levarase a cabo en escenarios situados na Arnoia, Zas, Rois, Ribadavia, Arzúa, Coristanco, Aranga, A Pontenova, Mazaricos e Rábade

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2021

A Xunta ten previsto organizar ao longo deste verán unha decena de escolas de río, noutros tantos concellos, co fin de dar a coñecer a pesca sostible entre a mocidade galega, grazas a un investimento da Administración autonómica de 21.000 euros.

Así o concretaron esta mesma semana a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o presidente da Federación Galega de Pesca, Manuel Mouzo, ao renovar o convenio de colaboración anual en materia de promoción da actividade piscícola nos ríos galegos e que neste caso está orientado ás referidas escolas.

Cómpre lembrar que a creación destes foros é unha das principais medidas que recolle a Lei de pesca fluvial de Galicia para achegar aos máis novos á pesca e impulsar así a necesaria remuda xeracional.

Nas escolas de río, tal e como reflicte o convenio, impartirase formación tanto teórica como práctica e unicamente poderase practicar a pesca sostible ou sen morte. Deste xeito, facilitarase a educación nesta materia da mocidade galega, fomentarase o coñecemento sobre os ríos e ecosistemas acuáticos, e potenciarase a práctica dun deporte responsable co medio ambiente.

Os participantes recibirán nocións básicas sobre os ríos; coñecerán as categorías de augas pescables en Galicia; aprenderán a identificar as especies de augas continentais; tratarán sobre as diferentes modalidades de pesca permitidas e as artes e engados empregados en cada unha delas; e saberán dos efectos prexudiciais das especies exóticas invasoras.

Nas actividades poderán participar pescadores noveis menores de idade que os que, sendo maiores de idade, non sexan titulares desde hai máis dun ano dunha licencia de pesca continental. De feito, non se requirirá dispoñer deste documento para inscribirse na formación, algo que se pode facer a través de centros docentes, do Concello no que se desenvolva ou dunha asociación.

Ao longo do verán, desde a vindeira semana ata setembro, está previsto que se leven a cabo escolas de río en escenarios da Arnoia, Zas, Rois, Ribadavia, Arzúa, Coristanco, Aranga, A Pontenova, Mazaricos e Rábade.

Ademais do investimento de 21.000 euros para estas actividades, a colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e a Federación contempla outros 4.000 euros para a participación da selección galega en campionatos internacionais de salmónidos mosca.

Así, o convenio reserva 25.000 euros, o mesmo que o ano anterior. En total, sumando as colaboracións que se veñen levando a cabo desde 2016, a Xunta achegou 110.000 euros á Federación para favorecer os ecosistemas acuáticos e a riqueza piscícola.

 

Imaxes relacionadas