A Xunta organiza dende mañá en Friol un curso de iniciación e mellora da gandaría de vacún de carne

Trátase da primeira edición desta iniciativa que se desenvolverá en diferentes concellos da nosa comunidade

Organizado pola OAC da localidade, impartirase ata o venres 23 de xullo no Centro colaborativo de Friol, cunha duración de 25 horas lectivas
 

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2021

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural, organiza dende mañá en Friol un curso de iniciación e mellora da gandaría de vacún de carne, unha iniciativa que se repetirá noutras localidades da comunidade.

Organizado pola oficina agraria comarcal da localidade, a acción impartirase ata o vindeiro venres 23 de xullo no Centro colaborativo de Friol, cunha duración de 25 horas lectivas entre sesións teóricas e prácticas. En concreto, analizarase a situación actual do sector, as razas de vacún de carne, a alimentación destes animais e a súa reprodución, así como conceptos básicos arredor da comercialización, da sanidade e do manexo ou sobre a implantación e fertilización de prados, entre outros.

Ademais, como peche da formación, os alumnos realizarán unha visita a unha gandaría próxima ás aulas onde se fará a práctica final, na que se porán en práctica todos os coñecementos adquiridos ao longo do curso.

A xornada está orientada a todos aqueles agricultores en activo ou persoas con solicitude de incorporación á actividade agraria interesadas nesta formación, así como a persoas en idade laboral ou menores de 60 anos con expectativas de incorporación ao sector primario.
Cabe engadir que a Axencia Galega da Calidade Alimentaria, mediante a súa oferta de formación continua e regrada, pretende mellorar a produtividade das explotacións e empresas do sector agrario, buscando a xeración de valor engadido no rural co fin de potenciar o relevo xeracional. Os interesados poden consultar as accións formativas e de transferencia organizadas pola Consellería do Medio Rural neste ano 2021 no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.
 

Imaxes relacionadas