A Xunta organiza un curso sobre estratexias de marketing para potenciar o valor das marcas comerciais no ámbito agroalimentario

Organizada pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, a iniciativa está previsto que se desenvolva no pazo de Quián -en Boqueixón- os vindeiros días 23 e 24 de xullo

Está dirixida a persoas vinculadas profesionalmente coa agricultura, a gandería, a industria agroalimentaria e o sector forestal ou con expectativas de incorporación, en especial mozos e mozas do rural galego

En relación á importancia da promoción das marcas comerciais, cabe lembrar que o vindeiro día 21 se coñecerán os gañadores da nova categoría de deseño introducida este ano nas Catas de Galicia, para premiar a innovación nas botellas e etiquetaxes
 

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2021

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza un curso sobre estratexias de marketing como ferramentas para potenciar o valor das marcas comerciais no ámbito agroalimentario. A iniciativa está previsto que se desenvolva no pazo de Quián situado en Sergude (Boqueixón) os vindeiros días 23 e 24 de xullo.

O curso -que contará cunha duración de 15 horas- centrarase en mostrar como a marca xera valor, a través do coñecemento do marketing e do branding, que se refire ao proceso de construción da personalidade dunha marca. Así, en sesións eminentemente prácticas proporcionaranse ferramentas e accións dentro da área da creación e a potenciación do valor da marca motivando a cada un dos participantes para que incorpore á súa actividade produtiva as estratexias aprendidas. O obxectivo, en definitiva, é que melloren a súa competitividade e a posta en valor dos seu produtos e que comprendan a importancia e impacto que teñen os novos hábitos de consumo, orientados cara á sustentabilidade e os produtos de proximidade ou con selos de calidade.

Canto aos participantes, a acción está dirixida a persoas vinculadas profesionalmente coa agricultura, a gandería, a industria agroalimentaria e o sector forestal ou con expectativas de incorporación, en especial mozos e mozas do rural galego.

Así, os interesados en anotarse poderán facelo remitindo unha solicitude cos seus datos ao correo electrónico feiras.medio-rural@xunta.es, solicitude que poderán atopar facendo a busca pertinente na seguinte web que recolle as accións formativas e de transferencia organizadas pola Consellería do Medio Rural neste ano 2021: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Para consultar calquera dúbida, pódese contactar co teléfono 981 540 062.

Catas de Galicia

En relación á importancia da promoción das marcas comerciais, cómpre sinalar que as Catas de Galicia 2021 estrean este ano nova categoría, para outorgar o Acio de Ouro ao Mellor Deseño dos viños e o Pote de Ouro ao Mellor Deseño das augardentes e licores tradicionais. Así, presentáronse un total de 115 mostras na subcategoría de viños e nove na de augardentes.

O resultado da selección farase público o próximo día 21 de xullo, no acto de entrega de premios das Catas. Ás empresas premiadas faráselles entrega dun trofeo que identifique a categoría e o posto acadado, acompañado dun diploma acreditativo.

Esta nova categoría quere valorar a innovación e o poder de comunicación no que respecta ao deseño das botellas e á súa etiquetaxe. Deste xeito, con estes premios recoñécese a importancia da creatividade como factor esencial para aumentar a presencia, a competitividade e o recoñecemento dos viños, augardentes e licores tradicionais galegos de cara aos consumidores finais.

Ao mesmo tempo, este recoñecemento busca ser un estímulo para que as adegas coiden a imaxe e presentación comercial dos produtos de calidade, recoñecendo a modernización, innovación e notoriedade destas producións na fase visual de marca e dando a coñecer a presenza de novas marcas, novos envases ou novas propostas comerciais.
 

Imaxes relacionadas