Política Social asiste ao concerto co que a Coral Casablanca de Vigo rende homenaxe ás persoas maiores no Museo do Mar

Vigo, 17 de xullo de 2021

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, asistiu ao concerto que a Fundación Coral Casablanca de Vigo dedicou esta tarde no Museo do Mar ás persoas maiores, e que contou co patrocinio da Consellería de Política Social. Alí celebrou que a nova situación sanitaria permita recuperar parte das actividades culturais e de ocio que marcaban a vida diaria dos galegos antes da pandemia ocasionada pola covid-19.

Trátase do segundo concerto que a agrupación musical dedica a algúns dos colectivos que máis sufriron as consecuencias da crise sanitaria. O xoves as instalacións culturais acolleron outro concerto dedicado ás persoas con alzhéimer que contou coa colaboración da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras demencias de Galicia (AFAGA). Fernando González Abeijón aproveitou a ocasión para agradecer á Fundación Coral Casablanca de Vigo as actividades dedicadas a estas persoas.