Política Social destaca a coordinación sociosanitaria como a base da atención e coidado das persoas maiores

O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, participou hoxe na Xornada de debate no Náutico do Freixo: Perspectivas e prospectivas da Galicia postcovid

Durante a súa intervención fixo fincapé en que este novo modelo de coidados ten que dar resposta ao que precisa cada persoa maior con independencia de onde viva, nunha residencia ou na casa, na cidade ou no rural
 

Outes (A Coruña), 17 de xullo de 2021

O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, participou hoxe na Xornada de debate no Náutico do Freixo: Perspectivas e prospectivas da Galicia postcovid, organizada polo Concello de Outes en colaboración coa revista Tempos novos. Alí formou parte dunha mesa na que o tema principal focalizouse na cidadanía proactiva, onde sinalou os catro piares que a substentan: a integración de procesos, a mellora no sistema para autonomía e atención á dependencia, o novo modelo de residencias e coidados, e a estratexia do envellecemento activo.

O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria destacou que a pandemia obrigou a dar un paso adiante para estreitar a coordinación entre os ámbitos social e sanitario. Este novo modelo de coidados debe dar resposta ao que cada persoa maior precisa, con independencia de onde viva, nunha residencia ou na casa, na cidade ou no rural. Trátase de centrarse na calidade de vida do maior antes de que chegue a cronicidade ou os primeiros síntomas de deterioro cognitivo, para o que cómpre superar o modelo reactivo para consolidar un proactivo.

Ademais, destacou que a poboación dos países desenvolvidos están a experimentar un proceso de envellecemento demográfico sen precedentes. Hoxe en día, o 25% dos galegos supera os 65 anos, polo que ve necesario continuar achegando ás persoas maiores os servizos que demandan atendendo ás súas necesidades específicas.

Antón Acevedo rematou facendo fincapé no futuro prometedor que ofrecen estes cambios, asegurando que “non só se trata de vivir máis, se non de vivir mellor e de aproveitar o desexo dos maiores de ter un envellecemento activo e saudable”.