A Xunta abre o prazo de solicitude das axudas a proxectos de fotovoltaica en empresas, concellos e entidades sen ánimo de lucro para seguir fomentando o autoconsumo

A convocatoria, que conta cun investimento de 4,5M€ por parte da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, permanecerá aberta ata o 1 de decembro deste ano ou ata que se esgote o crédito

Agárdase apoiar ao redor de 300 iniciativas, mobilizar 14M€ e promover aforros anuais de 2,6 millóns de euros

A axuda máxima será de 40.000 euros no caso de autónomos, empresas e administracións locais e de 25.000 para as entidades sen ánimo de lucro
 

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2021

A Xunta de Galicia vén de abrir a convocatoria de apoio a proxectos de enerxías renovables fotovoltaicas, dirixida a autónomos, empresas, concellos en entidades sen ánimo de lucro. Así, os interesados teñen de prazo ata o 1 de decembro deste ano para solicitar estas axudas ou ata que se esgote o crédito xa que é de concorrencia non competitiva.


O Goberno galego destina 4,5M€ confinanciadas con fondos europeos e coa que prevé impulsar ao redor de 300 iniciativas, o que contribuirá a seguir fomentando o autoconsumo en Galicia. Neste sentido, a convocatoria contempla unha intensidade do 80% para as entidades locais e sen ánimo de lucro, dun 30% para as pequenas empresas, do 25% para as medianas e do 20% para grandes compañías. A axuda máxima será de 40.000 euros no caso de autónomos, empresas e concellos e de 25.000 para as entidades sen ánimo de lucro.


A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación prevé que estas axudas mobilicen ao redor de 14M€ e que permitan aforros económicos anuais de 2,6M€ e enerxéticos de 20.000MWh. Ademais, a redución de emisións de CO2 será equivalente a plantar 350.000 árbores.


Con esta nova convocatoria, a Xunta de Galicia mantén o seu compromiso co impulso das enerxías renovables, o que permite aos beneficiarios unha redución dos custos enerxéticos. Contribuirase, por tanto, ao impulso da competitividade, pero tamén á reactivación económica e á creación de emprego, ademais de favorecer a mellora ambiental que repercute na calidade de vida das persoas.

 


En total, o Goberno galego destina este ano 15,85 millóns de euros a apoiar o uso de enerxías renovables por parte tanto das familias como do colectivo autónomo, empresas
–especialmente pemes–, administracións locais e entidades sen ánimo de lucro.