O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica participa no VII Camiño da Diversidade da Fundación Indaga

Oroso (Sigüeiro), 17 de xullo de 2021

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou hoxe no percorrido do VII Camiño da Diversidade, unha proposta levada a cabo pola Fundación INGADA que ten como finalidade fomentar a solidariedade, o compañeirismo e o respecto na sociedade. Jacobo Rey puxo en valor a importancia de impulsar este tipo de iniciativas, nas que a mocidade galega poida practicar no seu tempo de ocio actividades saudables que lles permitan pasar un bo rato e relacionarse con outras persoas, ao tempo que aprenden a valorar a paisaxe galega.

O percorrido comezou en Oroso e rematou na Praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela. Trátase da última etapa do Camiño Inglés, que consta de 16 quilómetros, e busca concienciar aos cidadáns da necesidade de respectar a diversidade das persoas, e aprender a fomentar a integración e o desenvolvemento digno das persoas, por moi diferentes que sexan. No remate da xornada deuse lectura ao Manifesto pola Diversidade de xeito simbólico.