A Xunta pon en valor a calidade do viño da subzona do Rosal, pertencente á denominación de orixe Rías Baixas

José Luís Cabarcos puxo en valor a paixón e o traballo que levan a cabo diariamente os viticultores, que son os verdadeiros protagonistas da calidade destes viños

Lembrou que a Xunta traballa na elaboración da Estratexia de dinamización das comarcas vitivinícolas para a que destina 700.000 euros

Así mesmo, o director da Agacal tamén subliñou que iniciativas coma esta súmanse a outras como a Lei de recuperación da terra agraria, que incide noutras cuestións tamén transcendentais para o sector
 

O Rosal (Pontevedra), 16 de xullo de 2021

O director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), José Luís Cabarcos, presidiu esta tarde a inauguración da XXIX Feira do Viño do Rosal. Na súa intervención, o director destacou o labor da organización adaptándose ás circunstancias para poder levar a cabo un evento coma este e, deste xeito, festexar a calidade dos viños da Denominación de Orixe Rías Baixas desta zona.
Precisamente, José Luís Cabarcos puxo en valor a paixón e o traballo que levan a cabo diariamente os viticultores, que son os verdadeiros protagonistas da calidade destes viños. Un sector cunha forte vocación exportadora e cunhas dimensións económica, territorial e turística excepcionais.

Neste sentido, o director da Agacal lembrou que a Xunta traballa na elaboración da Estratexia de dinamización das comarcas vitivinícolas para a que destina 700.000 euros. Unha dotación que atende ás necesidades e particularidades de cada zona, co fin de manter os estándares de calidade, impulsar a internacionalización e innovar para afrontar retos como a remuda xeracional e o cambio climático.

Iniciativas coma esta súmanse a outras como a nova Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que incide en cuestións transcendentais para o sector vitivinícola como a diminución do grado de parcelamento, poñendo terra produtiva a disposición de todos aqueles agricultores que así o demanden, ou mesmo o rexuvenecemento do sector, permitindo que aqueles novos emprendedores dispostos a investir no rural teñan onde e como facelo, subliñou José Luís Cabarcos.

Así, o director sinalou o dobre beneficio dunha lei coma esta, que reverte en primeiro lugar no asentamento da poboación no rural mediante a creación de actividade económica, ao mesmo tempo que a mobilización da terra permite exercer tamén un labor de prevención ante os lumes.

Finalmente, José Luís Cabarcos rematou a súa intervención resaltando a calidade que temos en Galicia, tanto en materia como en espírito e convidou aos asistentes a desfrutar dos viños do Rosal para “facerlle un agasallo aos nosos sentidos”.

A subzona do Rosal

O viño do Rosal forma parte da Denominación de Orixe Rías Baixas, sendo esta unha das cinco subzonas que a conforman. No conxunto desta DO, o número de viticultores é de 5.131, dos cales 203 son da subzona do Rosal. En canto a superficie, o global deste selo de calidade ascende a 4094 hectáreas, das cales 535 son desta subzona, é dicir, o 13,1%.