Máis dun millón douscentos mil euros para preto dun centenar de equipos de Vigo e Pontevedra

O plan comezou na tempada 2009/2010 con 80 equipos e un orzamento de 2,2 millóns ata acadar os 231 equipos patrocinados nesta última edición e 3,15 millóns de euros

En setembro de 2021 aprobarase o Plan de Patrocinio correspondente á tempada 2021-2022 que será a edición que contará cun maior orzamento ata chegar aos 3,9 millóns
 

Pontevedra e Vigo, 16 de xullo de 2021

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa asinou na tarde de hoxe os contratos de patrocinio cos equipos das áreas de Vigo e Pontevedra participantes no Plan de Patrocinio Publicitario dos Equipos de Alta Competición de Galicia da Fundación Deporte Galego. O secretario xeral destacou a importancia do medio centenar de equipos de Vigo e a súa área e destacou que os equipos con presenza feminina (23 femininos e 3 mixtos) superan aos equipos masculinos (24). En total, os 50 equipos de alta competición reciben un total de preto 730.000 euros (729.162,12 euros), o importe máis alto das sete grandes cidades e que representa o 23% do orzamento de todo o plan. No caso da área de Pontevedra, os seus 43 equipos patrocinados (22 masculinos, 20 femininos e 1 mixto) representan ao 19% dos equipos patrocinados de todo o plan e levarán un total de máis de 515.000 euros (516.524,64 euros). No acto de Pontevedra tamén estivo presente o director de zona de ABANCA en Pontevedra, José Luis Ramírez Matos. No acto de Vigo participou o coordinador de negocio institucional de ABANCA en Vigo, Jose Luis Romero Quiroga.

Nas súas verbas, Lete Lasa apuntou a relevancia dun programa que comezou na tempada 2009/2010 con apenas 80 equipos e un orzamento de 2,2 millóns de euros e que foi medrando ata acadar os 231 equipos patrocinados nesta última edición (125 masculinos, 99 femininos e 7 mixtos) e os 3,15 millóns de euros de orzamento global. En total, nas súas doce edicións, o Plan de Patrocinio ten chegado xa a 1.617 equipos cun total de 33 millóns de euros, grazas á inestimable axuda de ABANCA, que grazas ao acordo acadado en 2020, seguirá colaborando co deporte galego de alto nivel ata o ano 2024, cunha achega total de 10 millóns de euros desde 2015. Do mesmo xeito, Lete Lasa agradeceu a colaboración de Turismo de Galicia coa que vén de asinar un convenio por importe de 2,5 millóns de euros para a promoción do deporte galego. Dese montante total, 1,8 millóns de euros estarán destinados ao Plan de Patrocinio Publicitario dos anos 2021 e 2022.
O secretario xeral anunciou tamén que por primeira vez desde a xénese do plan realizarase un cambio nos prazos para adecuar o devandito plan ao calendario de competición dos equipos galegos. Deste xeito, en setembro de 2021, aprobarase o Plan de Patrocinio correspondente á tempada 2021-2022 que será a edición que contará cun maior orzamento ata chegar aos 3,9 millóns de euros.

Imaxes relacionadas