O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá na Coruña no Foro Ignicia

A Xunta confía en que Galicia sairá fortalecida grazas a un ecosistema de I+D+i consolidado e aberto tanto á sociedade como ao tecido económico

O programa Ignicia, impulsado en colaboración coa Fundación Barrié, fomenta un cambio cultural en toda a cadea de valor da I+D+i galega que xa permitiu a creación e consolidación de máis de 120 postos de traballo e deu lugar a nove novas empresas

O Goberno galego anima a definir un modelo de transferencia innovador, integrador e con profesionais cualificados
 

A Coruña, 16 de xullo de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá na Coruña, no Foro Ignicia, no que expresou a confianza do Goberno galego en que Galicia poida saír fortalecida do contexto actual grazas a un ecosistema de I+D+i consolidado e aberto tanto á sociedade como ao tecido económico.

Na súa intervención, Conde agradeceu á Fundación Barrié a colaboración que leva prestando desde 2016 na posta en marcha e impulso do programa Ignicia, unha iniciativa pioneira en España orientada á transferencia de coñecemento científico e tecnolóxico cara ao tecido produtivo e á sociedade. Así, Ignicia está contribuíndo a fomentar un cambio cultural en toda a cadea de valor do ecosistema galego de I+D+i, apoiando a detección temperá de proxectos e propiciando a súa transferencia.

Desde que se activou este programa xa se apoiaron 16 proxectos –a falta de que se resolva a convocatoria deste ano para a que se reservan 3,8M€–. Estas iniciativas contaron cun investimento público de 7M€, e permitiron a creación ou consolidación de máis de 120 postos de traballo e o nacemento de nove novas empresas. Dúas delas
–Alice Biometrics e Celtarys Research– participaron esta mañá no foro para compartir a súa experiencia.

O vicepresidente económico, invitou aos presentes a participar na definición dun modelo galego de transferencia innovador, integrador e con profesionais cualificados no que a Administración seguirá fomentando incentivos, cambios normativos e os recursos necesarios. Neste sentido, animounos a participar na elaboración da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia. A clave, asegurou, está na creación de sinerxías e na aliñación de obxectivos, xa que Galicia conta con moito talento.

Imaxes relacionadas