A Xunta ofrece 22 actuacións escénicas na provincia de Ourense ata final de ano a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios

Arranca o segundo semestre deste circuíto cultural organizado en colaboración coas entidades locais

A programación global de agosto a decembro inclúe 209 funcións de teatro, danza, música, novo circo e maxia en 36 concellos de toda Galicia
 

Ourense, 16 de xullo de 2021

A Xunta ofrece ata final de ano 22 actuacións escénicas na provincia de Ourense a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios, que terán lugar en Ourense, O Carballiño e O Barco de Valdeorras, con sete en cada unha destas localidades, e na Rúa, con unha. A programación do segundo semestre deste circuíto cultural, organizado en colaboración cos concellos, arranca xa esta fin de semana no Carballiño. A carteleira con todas as funcións e horarios pódese consultar en Cultura de Galicia e no web da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic).

Así, o domingo a Praza da Veracruz acollerá ás 20,00 h. o espectáculo musical de Odaiko Percussion Group, e o vindeiro xoves 22 ás 21,00 h., El Sevilla, tamén coñecido pola súa faceta como cantante do grupo Mojinos Escozios, ofrecerá o monólogo La vida es rocanrol. Xa en agosto, o día 2, Migallas Teatro representará o espectáculo infantil Canta connosco!, e o 6 será a quenda do concerto de Pablo Milanés. Na seguinte semana, o 15, chegan Caxoto e a súa Trastenda dos Contos, co espectáculo Levántante Xan! e Xosé A. Touriñán, co monólogo Aquí tou. A programación do ano péchase o 12 de decembro da man de Galitoon e a súa peza Güela-Güela.

O seguinte escenario da provincia que retoma a programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios é o Teatro Principal, xestionado pola Deputación Provincial, que acollerá o 17 de setembro a produción madrileña Principiantes, protagonizada polo actor galego Javier Gutiérrez. A actividade continúa en novembro con teatro, con Cigarreiras, de Contraproducións, e con danza, con Pioneras, de iXa Universos de Movemento. Finalmente, en decembro chegarán Ghazafelhos con Pinocchio, Eme2 emocion&arte, con Semente. O home que plantaba árbores, e Pedras de Cartón, con Quixote. Neste mes tamén haberá danza da man de Paula Quintas con Nina Ninette.

Actuacións en Valdeorras

No Barco de Valdeorras, as funcións previstas no Teatro Lauro Olmo arrancarán en outubro con Cigarreiras, de Contraproducións, o día 15, e Formigas no peto, de Ítaca Teatro, o 22. En novembro será a quenda de Teatro do Atlántico, con Libre coma os paxaros. Decembro é o mes que concentra máis actuacións, coa peza teatral Doce uvas, dúas mulleres e unha oliva, de Olivas Negras; o espectáculo de danza Bailar agora, de Marta Alonso Tejada, e o de novo circo Só, de Xampatito Pato. O ano pecharase con Lázaro de Tormes, de Pedras de Cartón.

Pola súa banda, A Rúa, ten programada para o 12 de novembro, no Centro Cultural Avenida, a función teatral Feminíssimas, de De Ste Xeito Producións.

Máis de 200 actuacións en 36 concellos

A Rede Galega de Teatros e Auditorios encara o segundo semestre do curso con 209 actuacións de teatro, danza, música, novo circo e maxia que chegarán a 36 concellos de toda Galicia. Deste xeito e pese aos adiamentos e suspensións polo peche sanitario de primeiros de ano, serán máis de 500 as funcións desenvolvidas durante 2021 no seo deste circuíto cultural cofinanciado pola Xunta e as preto de 40 entidades locais asociadas, para o que se conta cun orzamento global superior aos 1,6 millóns de euros.

Este segundo período de programación implicará a contratación de preto de 100 formacións artísticas profesionais de moi diferentes xéneros e estilos. Moitas delas chegan a esta carteleira a raíz da súa asistencia á última edición do mercado Galicia Escena PRO, organizado conxuntamente pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a asociación Escena Galega e na que estiveron acreditados, así mesmo, os responsables dos principais de teatros, auditorios, salas e festivais escénicos galegos.

Ademais das actuacións deste circuíto, pioneiro en Galicia no ámbito da exhibición de espectáculos de xeito profesional e coordinado, durante o período estival a Xunta de Galicia está a impulsar máis de 3000 actividades por toda a xeografía galega cun investimento superior aos 9M€ ao abeiro do Plan de Reactivación da Cultura e da programación especial do Xacobeo 21-22.