Román Rodríguez subliña o papel que xoga o Xacobeo Clarinet Fest a prol da música instrumental e a cultura en Galicia

O conselleiro de Cultura e o alcalde de Lalín, José Crespo, visitan os ensaios previos ao Festival e Academia Internacional de Clarinete de Galicia 2021 que arranca hoxe na capital do Deza

Lalín (Pontevedra), 16 de xullo de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o alcalde de Lalín, José Crespo, visitaron esta mañá os ensaios previos do Xacobeo Clarinet Fest 2021 que a partir de hoxe e durante unha semana reúne na capital do Deza a recoñecidos clarinetistas de diferentes nacionalidades e prestixiosos directores de orquestra e pianistas. Na visita tamén estiveron a concelleira de Cultura de Lalín, Begoña Blanco, e Xocas Meijide en representación da organización do festival.

O representante da Xunta de Galicia destacou a importancia deste encontro na posta en valor da música instrumental en particular e da cultura en xeral nun momento no que se está recuperando a actividade neste sector. Neste sentido, fixo un chamamento a gozar deste evento respectando ao máximo as medidas de seguridade. Así mesmo, felicitou aos directores por escoller para este evento a comarca do Deza, que se caracteriza polo forte arraigo de tradición musical.

O Festival e Academia Internacional de Clarinete de Galicia 2021, que impulsa o Concello de Lalín co apoio da Xunta de Galicia, está dirixido por David Fiúza e Xocas Meijide e inclúe unha vintena de concertos, exposicións, conferencias e clases maxistrais.


Emprazamentos

As citas celébranse en emprazamentos de Lalín como o conservatorio, a sede do Concello, a praza da igrexa, o Museo Municipal Ramón María Aller, o auditorio municipal, o Casino ou as principais rúas da vila co obxectivo de abrir o festival ao conxunto da sociedade e lograr unha maior asistencia e difusión.

Neste Xacobeo Clarinet Fest 2021 participan os italianos Lorenzo Copolla e Massimo Mazzone, os portugueses Vitor Matos e Sergio Pires e os españois José Luís Estellés, Juan Ferer, Jacier Llopis, Josep Sancho, Josep Fuster, José Franc Ballester e Lara Díaz.

Como directores, ademais do dezano David Fiuza, estará o valenciano Andrés Valero-Castells. A lista de invitados á cita complétase cos pianistas Alicia González Permuy, Cristina Esclapez e Pablo Rodríguez, considerados máximos expoñentes dentro da súa especialidade.
 

Imaxes relacionadas