A Xunta comunica ao Ministerio de agricultura dous focos positivos por sars-cov-2 en granxas de visóns de Negreira e Sobrado dos Monxes

A comunicación da positividade, que tamén se trasladou aos titulares das granxas, faise consonte ás normas de comunicación de enfermidades emerxentes vixentes en España

Cumprindo co Programa de prevención, vixilancia e control elaborado polo Goberno central en colaboración coa Xunta, procederase a realizar o seguimento de ditas explotacións para determinar as actuacións a levar a cabo
 

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2021

A Consellería do Medio Rural vén de comunicar hoxe ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA) a existencia de dous focos de positividade por SARS-CoV-2 en granxas de visón americano de Negreira e Sobrado dos Monxes.

Así, no caso da de Negreira -que conta con 2.100 femias reprodutoras- detectáronse dous animais positivos na última mostraxe realizada, mentres na de Sobrado dos Monxes -con 7.500 reprodutoras- houbo tamén dous positivos por SARS-CoV-2.

Tras a detección destes focos, as dúas granxas foron inmobilizadas e procederase a continuar a vixilancia e control por parte dos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural, para realizar un seguimento e determinar as actuacións a levar a cabo.

A detección destes focos realizouse no marco das actuacións desenvolvidas por Medio Rural desde o ano pasado ao abeiro do “Programa de prevención, vixilancia e control de SARS-CoV-2 en granxas de visóns americanos en España”, elaborado polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación e o Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias (CCAES) -dependente do Ministerio de Sanidade- e no que colaborou activamente Galicia. Estas accións, nas que está implicada tamén a Consellería de Sanidade, inclúen non só a toma de mostras rutineiras nos animais cunha periodicidade quincenal senón tamén a realización de probas aos traballadores das granxas.

En toda Galicia, actualmente existe un total de 25 granxas activas de visón americano cun censo total de 71.479 reprodutoras. Dende as primeiras informacións recibidas procedentes dos Países Baixos en abril de 2020, en relación con explotacións de visóns infectadas co SARS-CoV-2, a Xunta mantivo un contacto permanente co sector peleteiro galego e trasladou a todas as explotacións activas a información actualizada da situación, tanto en Europa como en España, a través de varias comunicacións.

Nestas comunicacións incidíase no incremento das medidas de bioseguridade nas explotacións e fundamentalmente no relativo a evitar a transmisión do virus a través de persoas infectadas, dado que é esta a principal vía documentada de contaxio para estas granxas.

O Goberno galego continuará actuando nesta materia consonte aos devanditos protocolos de prevención, vixilancia e control, en permanente coordinación entre as Consellería do Medio Rural e de Sanidade, sempre coa máxima transparencia e co obxectivo último de preservar a saúde da cidadanía.

Estes focos comunicaranse oficialmente por parte do MAPA á Organización Mundial de Sanidade Animal (OIE) e á Comisión Europea.