Fabiola García subliña que os campos de voluntariado permiten a toda a mocidade “poñer o seu gran de area para mellorar o planeta no que vivimos”

As mozas e mozos de entre 18 e 30 anos que están a desfrutar desta iniciativa conciéncianse do valor do patrimonio natural de Galicia, e contribúen a protexelo ao tempo que comparten unha experiencia coa que gañan autonomía

Ribeira (A Coruña), 16 de xullo de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, subliñou hoxe que os campos de voluntariado permiten a toda a mocidade “poñer o seu gran de area para mellorar o planeta no que vivimos”. Esta mañá achegouse á Praia da Corna, en Ribeira, para coñecer os participantes do campo de voluntariado que a asociación Amicos desenvolve no Barbanza no Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Fabiola García destacou que con esta iniciativa os participantes, entre os que se atopan persoas con discapacidade, conciéncianse do valor do patrimonio natural de Galicia, e contribúen a protexelo ao tempo que comparten unha experiencia coa que gañan autonomía.

A decena de mozas e mozos de entre 18 e 30 anos que están a desfrutar deste campo de voluntariado realizan tarefas de conservación e limpeza en diferentes localizacións. Ademais da Praia da Corna, tamén levaron a cabo actividades destinadas á conservación do medio ambiente no Parque Natural de Corrubedo, en Carril e nas Illas de Sálvora e Ons.

A conselleira de Política social salientou que a mocidade galega “merece un verán no que desfrutar de Galicia”. Por iso, a Xunta de Galicia puxo en marcha unha campaña de verán con actividades de ocio seguro e responsable con todas as garantías de seguridade. Ofertáronse máis de 7.800 prazas entre campamentos, minicampamentos e campos de voluntariado para impulsar valores como a convivencia, a participación, a tolerancia e a solidariedade.

 

Imaxes relacionadas