A Xunta destina preto de 900.000 euros a financiar a contratación de 68 perceptores da risga en 16 concellos lucenses

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que a Consellería de Emprego e Igualdade vén de resolver a orde de axudas a entidades locais para favorecer a inserción laboral de persoas en situación vulnerable

Destacou que esta medida complementa outras iniciativas do Goberno galego para favorecer a creación de emprego no ámbito local, como os programas para contratar socorristas e persoal e prevención de incendios

 

Lugo, 16 de xullo de 2021

A Consellería de Emprego e Igualdade destina preto de 900.000 euros (892.500 euros) a colaborar con 16 concellos da provincia de Lugo para contratar a un total de 68 persoas perceptoras da Risga (renda de integración social de Galicia), que se encargarán de realizar obras ou servizos de interese xeral nos seus respectivos municipios.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, explicou que a medida busca favorecer a inserción laboral destas persoas co obxecto de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.

En canto á distribución das achegas, na comarca da Mariña o Goberno galego destina 287.600 euros para facilitar 25 contratacións en seis municipios: Viveiro (10), Burela (5), Ribadeo (5), Cervo (2), Mondoñedo (2) e Ourol (1).

Na Zona Sur a Xunta inviste 377.700 euros para ocupar a 25 persoas beneficiarias da Risga en catro administracións locais: Monforte de Lemos (16), Chantada (5), Sober (2) e Taboada (2).

Así mesmo, con cargo a estas axudas autonómicas tamén se financiarán contratos nos concellos de Vilalba (5), Begonte (5), Becerreá (2), A Fonsagrada (2), Outeiro de Rei (2) e Monterroso (2).

O importe da subvención que se concede ás entidades beneficiarias será o equivalente ao necesario para sufragar os custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social, durante un período de nove meses.

O delegado territorial incidiu en que esta medida ten como obxectivo conseguir a mellora da empregabilidade dos colectivos máis vulnerables e completa outras iniciativas da Xunta para favorecer a contratación laboral por parte dos concellos galegos.

Así, referiuse a outras liñas de axudas que o Goberno galego resolveu recentemente, como as do programa Aprol Rural, que destina 1,3 millóns de euros para facilitar a contratación de 99 persoas desempregadas que levarán a cabo tarefas de prevención de incendios en 66 concellos lugueses; e os apoios por valor de 315.000 euros para cubrir 97 postos de socorristas que vixiarán as praias e piscinas de 36 municipios da provincia de Lugo durante o verán.