A Xunta abre o prazo de solicitudes das axudas dirixidas a asociacións de consumidores para que poidan desenvolver actividades informativas sobre enerxía eléctrica e comercio electrónico

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, informou desta iniciativa nunha reunión mantida coas asociacións integrantes do Consello Galego de Consumidores

Ambas liñas de axudas enmárcanse na estratexia de protección ás persoas consumidoras 2020-2025 creada pola Xunta para abordar a transformación dixital, a atención ás persoas consumidoras vulnerables e impulsar unha formación sostible, integral e inclusiva

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2021

A Xunta de Galicia vén de publicar hoxe dúas liñas de axudas económicas destinadas ás asociacións galegas de persoas consumidoras co obxectivo de fomentar a realización de actividades de sensibilización, formación e divulgación en materia de subministración de enerxía eléctrica e comercio electrónico seguro e sobreendebedamento.

Así, as entidades interesadas poden presentar as súas solicitudes a estes apios desde mañá e ata que se esgoten os fondos económicos consignados –24.000 euros– por ser ambas iniciativas de concorrencia non competitiva. Cada actividade individual non poderá superar a contía de 200 euros (IVE incluído).

Así o explicou o director xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, Manuel Heredia, que esta semana mantivo unha reunión coas asociacións integrantes do Consello Galego de Consumidores e Usuarios co obxectivo de coordinarse e sumar esforzos para informar á cidadanía daqueles asuntos que máis lles afectan. É o caso dos recentes cambios na factura da luz, o crecente uso do comercio electrónico ou o sobreendebedamento e outros temas do ámbito financeiro, asuntos nos que se centran as axudas que acaba de poñen en marcha o Goberno galego.

Estas actuacións virán a complementar o labor de asesoramento e formación que está a levar a cabo o Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), que ten xa en marcha unha campaña informativa sobre os últimos cambios normativos no ámbito da factura da luz e que chegará de maneira presencial a diferentes concellos galegos ao longo deste ano. Así mesmo, o próximo martes 20 de xullo ás 12.30 horas, o IGCC tamén ofrecerá unha destas charlas de maneira telemática a través da aula virtual da súa web e estará aberta ao público en xeral.

Tal e como destacou o director xeral de Comercio e Consumo, estas iniciativas enmárcanse na estratexia de protección ás persoas consumidoras e usuarias 2020-2025 creada pola Xunta de Galicia, en consonancia coa Nova Axenda Europea da persoa consumidora.
Dita estratexia ten como obxectivo principal garantir un alto nivel de protección ás persoas consumidoras tras os cambios producidos nos últimos tempos, contemplando tres ámbitos de actuación: a transformación dixital, a protección das persoas consumidoras vulnerables e o impulso a unha formación sostible, integral e inclusiva.

De aí que Manuel Heredia quixese aproveitar o encontro coas asociacións de consumidores para destacar o seu labor diario dando unha resposta inmediata e próxima para atender as necesidades das persoas consumidores. Ademais, aproveitou a ocasión para felicitar a Rosa Celia Otero pola renovación do seu cargo como presidenta do Consello Galego de Consumidores e Usuarios, e a Miguel López, que tamén continuará como vicepresidente do órgano.

Imaxes relacionadas