Luis López anuncia a adxudicación das obras de modernización integral do campo de fútbol de Mirallos con dotación de ximnasio por 451.000€

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, informa da contratación desta actuación nunha visita ao estadio de Moraña xunto ao alcalde, José Cela, e membros do goberno local

Esta mellora executarase a través dun convenio entre a Consellería de Medio Ambiente, que aporta o 70%, a Secretaría Xeral para o Deporte e o Concello de Moraña

O proxecto inclúe a reforma dos vestiarios, renovación da bancada con 300 asentos, construción de edificio auxiliar con cafetería e ximnasio, novo sistema de rego e urbanización
 

Moraña, 16 de xullo de 2021.- O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou esta mañá que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de adxudicar as obras de construción do proxecto de modernización integral do Campo de Fútbol de Mirallos, que inclúen a dotación dun ximnasio nesta instalación deportiva, por un importe de 451.319€.

O representante autonómico informou da contratación desta actuación nunha visita realizada ao estadio morañés xunto ao alcalde, José Cela, e o xefe territorial de Medio Ambiente, José Manuel González, e explicou que o cronograma previsto pasa por comezar as obras este verán para telas rematadas no primeiro semestre de 2022, xa que o prazo de execución é de 8 meses.

"Hoxe temos a boa nova de anunciar a adxudicación da mellora do campo de fútbol de Mirallos, que tivo que adiarse un ano xa que non se puido executar o pasado verán, tras o primeiro proceso de contratación, por cuestións empresariais, pero o noso compromiso cos equipamentos de Moraña é indiscutible e a actuación máis que necesaria, polo que insistimos para que o municipio poida ver renovada esta instalación tan empregada", explicou.

Esta mellora de equipamentos executarase a través dun convenio entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que aporta o 70% do financiamento, a Secretaría Xeral para o Deporte e o propio Concello de Moraña.

O proxecto consiste na reforma da bancada, reducindo os chanzos e dotándoa de máis volume para acadar unha maior sensación de estadio ao tempo que se habilitan 300 prazas cos seus correspondentes asentos, e na modernización integral dos vestiarios, cunha superficie de 156 m2.

Ademais, dotarase ao campo dun novo sistema de rego con seis canóns emerxentes, rede de distribución, arquetas, un tanque soterrado con capacidade para 20.000 litros, grupo de presión e instalación eléctrica. Todo elo completarase coa urbanización das zonas anexas á bancada e ao acceso existente a través de soleiras de formigón e espazos axardinados.

Así mesmo, vaise construír un edificio auxiliar que disporá dun novo ximnasio municipal, con 125 metros cadrados na planta baixa, e unha cafetería acristalada, dende a que se poderán ver os encontros, no primeiro andar.
 

Imaxes relacionadas