Galicia duplica as exportacións con respecto a maio do ano pasado e medra o dobre que a media estatal

Nos cinco primeiros meses do exercicio, as vendas ao exterior da Comunidade incrementáronse en máis dun 40%, o que permitiu manter a balanza comercial en positivo

De seguir a este ritmo, as exportacións galegas pecharán o ano por riba dos 20.000 millóns de euros

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2021

Galicia segue a recuperar os resultados positivos das súas vendas ao exterior. Unha tendencia que xa comezou a reflectirse nos últimos meses do ano, e que se consolida agora nos primeiros meses deste exercicio. Así, e como amosan os últimos datos dispoñibles, as exportacións galegas de maio duplicáronse con respecto ao mesmo mes do ano anterior (+109,7%), permitindo acadar nesta ocasión os 2100 millóns de euros.

Un dato, que sendo bo, mellora en comparación co total de España. No conxunto do Estado, as exportacións en maio medraron á metade de ritmo que en Galicia: a media nacional de crecemento neste mes con respecto ao mesmo período do ano pasado sitúase nun 55,3%.

Neste sentido, cabe salientar que Galicia é a Comunidade autónoma que máis medra no conxunto estatal no que as exportacións de maio se refiren con respecto ao mesmo mes do ano anterior. O 109,7% galego sitúase máis de 17 puntos por riba do 92,4% de Castela e León.

Neste escenario, o acumulado do ano reflicte, tamén, un mellor comportamento das vendas ao exterior da Comunidade. As exportacións galegas aumentaron, entre xaneiro e maio, un 41,4%, achegándose nos cinco primeiros meses do ano aos 9500 millóns. De manterse este ritmo no que resta de 2021, as exportacións galegas pecharán de novo o exercicio por riba dos 20.000 millóns de euros. Así mesmo, a porcentaxe das vendas ao exterior da Comunidade nestes cinco meses tamén case duplica a reflectida polo conxunto estatal, cuxo crecemento se sitúa no 23,5%.

Galicia mantén en positivo a súa balanza comercial, cun saldo favorable próximo aos 1600 millóns de euros entre as exportacións e as importacións contabilizadas entre xaneiro e maio de 2021, mentres que en España a balanza continúa en números vermellos.

Entre as industrias que están detrás do ascenso das exportacións en maio figuran a automoción, cun incremento próximo ao 145% con respecto ao mesmo mes de 2020; o téxtil, con máis dun 281%; ou produtos do reino animal que sobe un 33%. Por países, todos os estados cos que o peso do comercio galego é significativo, aumentan, producíndose, no marco da Unión Europea, os maiores ascensos nos tres principais compradores: Francia (72%), Italia (129,2%) e Portugal (56,0%). Con respecto ao resto de países e no referente ás exportacións, destaca o aumento das dirixidas cara a Australia, que suman o 12,5% do total das exportacións galegas de maio.

O apoio da Xunta de Galicia

Na procura de acompañar este traballo das empresas no actual contexto e de contribuír a súa recuperación económica, a Xunta de Galicia ten reforzado as liñas de apoio á internacionalización do tecido empresarial galego.

Así, durante estes meses estivo aberta a convocatoria do Galicia Exporta Dixital, que conta con 6 millóns de euros para impulsar as vendas internacionais de pemes, autónomos e comercios a través de ferramentas dixitais innovadoras; e o Foexga, plan desenvolto en colaboración coas cámaras de comercio para desenvolver accións de internacionalización en máis de 20 países.

Tamén durante este período se facilitaron axudas para a contratación de expertos en comercio exterior, que facilitarán a incorporación ao mercado laboral de 75 mozos e maiores de 45 anos en situación de desemprego grazas a unha dotación que ascende a dous millóns de euros.