O presidente do Goberno galego visitou esta mañá as novas instalacións sanitarias

Feijóo refírese ao novo Centro de Saúde de Narón, cun investimento de case 6 millóns de euros, como exemplo da aposta pola atención primaria con máis e mellores servizos

Afirma que con esta nova infraestrutura increméntase un 60% a superficie con respecto ao centro de saúde anterior, o que permitirá ofrecer unha atención reforzada e ampliada

Salienta que desde 2009 a Xunta leva investidos 10,5 millóns de euros na atención primaria da área sanitaria de Ferrol, o que permitiu, por exemplo, construír os novos centros de saúde das Somozas, A Capela e Ares, así como reformar os de Valdoviño ou As Pontes, entre outros
 

Narón (A Coruña), 16 de xullo de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe ao novo Centro de Saúde de Narón, cun investimento de case 6 millóns de euros, como exemplo da aposta do Goberno galego pola atención primaria con máis e mellores servizos.

Durante unha visita esta mañá ao centro, Feijóo aseverou que con esta nova infraestrutura increméntase un 60% a superficie con respecto ao centro de saúde anterior, o que permitirá ofrecer unha atención reforzada e ampliada con: 14 consultas de medicina xeral, 12 consultas de enfermería, dúas consultas de farmacia, unha consulta de odontoloxía, unha consulta de hixienista dental, catro consultas de docencia, unha sala de toma de mostras, dúas salas de técnicas e catro polivalentes.

Así mesmo, resaltou que a área pediátrica contará con catro consultas ordinarias e tres de enfermaría; a área da muller disporá dunha consulta de matronas, unha sala de educación sanitaria e unha consulta de programa da muller; e a área de urxencias estará integrada por tres consultas de medicina e tres de enfermaría, seis zonas de dormitorios e unha sala de reanimación. Ademais de contar coas área de Fisioterapia, Radioloxía e Administración.

“De acordo co concello habilitarase un aparcadoiro para que os usuarios conten cun acceso directo”, engadiu, precisando que contará con 138 prazas.

Ao longo da súa intervención, Feijóo recordou que desde 2009 a Xunta leva investidos 10,5 millóns de euros na atención primaria da área sanitaria de Ferrol. Un orzamento que permitiu, por exemplo, construír os novos centros de saúde das Somozas, A Capela e Ares, así como reformar os de Valdoviño ou As Pontes, entre outros.

Este compromiso por ofrecer mellores infraestruturas sanitarias complétase, segundo resaltou, co obxectivo de ampliar o Hospital Público de Ferrol, cuxas obras da primeira fase xa están en marcha. Ao respecto, precisou que, cun investimento de 131 millóns de euros, o proxecto permitirá realizar actuacións nos tres edificios que conforman o complexo hospitalario, potenciando a especialización e a capacidade de resolución dos mesmos.
 

Imaxes relacionadas