Román Rodríguez destaca o compromiso da Xunta coa casa de Rosalía de Castro cun novo investimento para rehabilitar o auditorio no seu 50ª aniversario

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade e o presidente da Fundación Rosalía de Castro asinaron un convenio de colaboración por 100.000 euros

Dáse continuidade ao traballo do Goberno autonómico levado dos últimos anos para acondicionar este histórico inmoble cun investimento próximo aos 300.000 euros

Salientou o valor pedagóxico da emblemática residencia de escritora que cualificou como “imprescindible para levantar gran parte da andamiaxe cultural galega”

Padrón (A Coruña), 15 de xullo de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a rehabilitación do auditorio da casa da escritora cun investimento de 100.000 euros. Dáse continuidade ao compromiso iniciado pola Administración autonómica nos últimos anos para acondicionar este histórico inmoble con apoios que se aproximan aos 300.000 euros.

Con motivo do 50 aniversario celebrado este ano, Román Rodríguez agradeceu o labor da Casa Museo de Rosalía que, como expresou, consolidouse como un lugar “imprescindible para levantar gran parte da andamiaxe cultural galega”. Neste sentido, puxo de manifesto “o gran labor pedagóxico” demostrado ao longo dos anos para difundir o legado de Rosalía de Castro a través dos programas didácticos e visitas guiadas, pero tamén a súa función conservadora “co esforzo extra que supón a preservación dos manuscritos e das distinas manifestacións da obra de Rosalía”, dixo.
Por iso, como engadiu, a Xunta quere dar continuidade e apoiar este traballo axudando á posta en valor do seu auditorio. Ao abeiro do convenio asinado hoxe o Goberno galego contribuirá a rehabilitar este simbólico espazo no que se desenvolven multitude de actividades culturais que van desde charlas e conferencias ata presentacións de libros, xornadas de todo tipo ou sesións de teatro e musicais. En definitiva, un espazo versátil que se adecúa a usos distintos atendendo ás necesidades.
As actuacións que se levarán a cabo teñen un custo de preto de 170.000€, dos que a Xunta aportará 100.000€ en dúas anualidades a través deste convenio. Este investimento súmase á achega feita pola Administración autonómica nos últimos anos á Fundación Rosalía de Castro para actuacións de acondicionamento e reforma no complexo de Padrón. Así, no ano 2017 iniciouse esta colaboración para intervir nos edificios anexos á Casa-Museo Rosalía e esta colaboración renovouse en 2019 co fin de levar a cabo actuacións de acondicionamento no pavimento dos xardíns exteriores.
As obras comezarán no mesmo ano no que a Casa de Rosalía de Castro está a conmemorar o seu 50 aniversario, do que hoxe se celebrou tamén o acto institucional. No marco da efeméride, abríronse visitas virtuais ao interior da Casa da Matanza e a Horta de Rosalía en galego, español, francés e inglés. A través dela, calquera persoa pode visitar a Casa Museo en 3D con información ampliada en case 40 puntos para o que se empregaron equipos baseados en tecnoloxía láser e tecnoloxía de infravermellos.
A programación completarase con xornadas sobre Rosalía de Castro a través de diálogos literarios plurilingües ou unha exposición itinerante sobre a historia desta institución, con actividades que se estenderán ata xullo de 2022.

Imaxes relacionadas