Unha quincena de equipos ourensáns reciben máis de 230.000 euros ao abeiro do plan de patrocinio da Fundación Deporte Galego

O plan comezou na tempada 2009/2010 con 80 equipos e un orzamento de 2,2 millóns ata acadar os 231 equipos patrocinados nesta última edición e 3,15 millóns de euros

En setembro de 2021 aprobarase o Plan de Patrocinio correspondente á tempada 2021-2022 que será a edición que contará cun maior orzamento ata chegar aos 3,9 millóns

Ourense, 15 de xullo de 2021

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado polo delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén Castro, asinou na mañá de hoxe os contratos de patrocinio cos 15 equipos da provincia de Ourense participantes no Plan de Patrocinio Publicitario dos Equipos de Alta Competición de Galicia da Fundación Deporte Galego. O secretario xeral destacou a importancia destes 15 equipos ourensáns que amosan unha gran igualdade con 7 equipos masculinos, outros 7 femininos e un mixto. En total, o Plan de Patrocinio deixa en Ourense máis de 230.000 euros (231.912,83 euros). No acto estivo presente asemade o coordinador de Negocio Institucional en Ourense de ABANCA, Mateo Alonso San Román.

Nas súas verbas, Lete Lasa apuntou a relevancia dun programa que comezou na tempada 2009/2010 con apenas 80 equipos e un orzamento de 2,2 millóns de euros e que foi medrando ata acadar os 231 equipos patrocinados nesta última edición (125 masculinos, 99 femininos e 7 mixtos) e os 3,15 millóns de euros de orzamento global. En total, nas súas doce edicións, o Plan de Patrocinio ten chegado xa a 1.617 equipos cun total de 33 millóns de euros, grazas á inestimable axuda de ABANCA, que grazas ao acordo acadado en 2020, seguirá colaborando co deporte galego de alto nivel ata o ano 2024, cunha achega total de 10 millóns de euros desde 2015. Do mesmo xeito, Lete Lasa agradeceu a colaboración de Turismo de Galicia coa que vén de asinar un convenio por importe de 2,5 millóns de euros para a promoción do deporte galego. Dese montante total, 1,8 millóns de euros estarán destinados ao Plan de Patrocinio Publicitario dos anos 2021 e 2022.

O secretario xeral anunciou tamén que por primeira vez desde a xénese do plan realizarase un cambio nos prazos para adecuar o devandito plan ao calendario de competición dos equipos galegos. Deste xeito, en setembro de 2021, aprobarase o Plan de Patrocinio correspondente á tempada 2021-2022 que será a edición que contará cun maior orzamento ata chegar aos 3,9 millóns de euros.

Equipos ourensáns

Os 15 equipos ourensáns patrocinados nesta edición 2021 son o Club Carmelitas Vedruna e o Club Orense Baloncesto S.A.D. (baloncesto); o Ourense Club de Fútbol S.A.D., o Cidade de As Burgas Fútbol Sala e o Ourense Club de Fútbol S.A.D. B (fútbol sala feminino); o Club Hockey Barrocás (hóckey herba); o Campus Universitario Ourense Rugby (rugby); o Club Voleibol Ourense (voleibol); o Club Bádminton Athlos Ourense (bádminton); o Club Halterofilia Pabellón masculino e feminino (nivel 1 e nivel 2) (halterofilia); o Club Fluvial O Barco (piragüismo sprint); o Club Ciclista Maceda (ciclismo) e o Pabellón Ourense C.F. (fútbol).

Imaxes relacionadas