Rueda destaca a posta en marcha do Plan de Catedrais que, dotado con 38 M€, permitirá a mellora da conservación dos conxuntos catedralicios de Galicia

Afirma que as intervencións afectarán ás basílicas de Lugo, Mondoñedo, Ourense e Tui, así como á antiga catedral de San Martiño de Mondoñedo de Foz e ás concatedrais de San Xiao de Ferrol e de Santa María de Vigo

Destaca que neste proxecto inclúense as intervencións pendentes de rematar na Catedral de Santiago que se están desenvolvendo na actualidade

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a aprobación do Plan de catedrais de Galicia 2021-2027 que, dotado cun investimento de 38 millóns de euros, permitirá o desenvolvemento de actuacións para mellorar a conservación dos conxuntos catedralicios da Comunidade, co horizonte do Xacobeo 2027.

Na rolda de prensa do Consello, Rueda explicou que o proxecto inclúe intervencións en monumentos nas entornas do Camiño de Santiago. Concretamente, nas basílicas de Lugo, Mondoñedo, Ourense e Tui, así como na antiga catedral de San Martiño de Mondoñedo de Foz e nas concatedrais de San Xiao de Ferrol e de Santa María de Vigo. Así os grandes conxuntos relixiosos de Galicia quedan amparados por este plan cunha vixencia ata o 2027.

“Estamos a falar dunha folla de ruta cuxa planificación e execución se vai facer a través das distintas dioceses e cabidos catedralicios que coñecen perfectamente os seus monumentos e que nos axudarán, como xa fixeron coa Catedral de Santiago, a implementar este plan”, engadindo que grazas a esta iniciativa se mellorarán e garantirán a conservación e futuro destes templos.

Máis polo miúdo, e tendo en conta os plans directores de cada un dos conxuntos, o vicepresidente primeiro destacou que o proxecto conta cunha lista máis ampla de actuacións que se poderán actualizar e serán reorientables, en base á consecución dos obxectivos do plan, da detección de novas prioridades ou da dispoñibilidade de novos recursos que se poidan obter.

Así mesmo, afirmou que nesta compilación inclúense tamén as intervencións pendentes de rematar na Catedral de Santiago, dotadas con 6 millóns de euros do Plan de Catedrais e que se están levando a cabo na actualidade.

Cómpre salientar que as actuacións deseñadas ao abeiro desta iniciativa encádranse no compromiso que a Xunta mantén coa conservación do patrimonio cultural e artístico da Comunidade.

Imaxes relacionadas