Sanidade pon en marcha plans de saúde locais nas sete áreas sanitarias

A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Estrella López-Pardo, explicou, no Parlamento de Galicia, as medidas adoptadas para a transformación do primeiro nivel asistencial

A atención presencial incrementouse en 12 puntos a nivel Galicia e xa acada o 48% nalgunha área sanitaria

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2021

A Consellería de Sanidade está a poñer en marcha Plans de Saúde locais nas sete áreas sanitarias. Así o sinalou a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Estrella López-Pardo, quen compareceu hoxe, a petición propia, na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia, para informar sobre as reformas iniciadas pola Xunta na atención primaria, e sobre as que está previsto emprender partindo das conclusións aprobadas polo Consello Técnico de Atención Primaria.

Xa se conta con propostas dos servizos de Sárdoma, Lavadores, Santa Comba, Os Tilos, As Pontes, Caranza, Xinzo de Limia, Castro Caldelas, Cambados, Virxe Peregrina, Os Mallos, Elviña e Vilalba. A tal efecto, persoal directivo da Consellería de Sanidade estase a desprazar aos servizos das 7 áreas sanitarias para prestarlles apoio no desenvolvemento dos Plans.

Estrella López-Pardo sinalou que, nestes plans locais, tratarase a redistribución das tarefas do equipo de atención primaria, para unha mellor resposta á demanda da poboación, e a abordaxe da relación entre primaria, hospital, servizos sociais e a comunidade.

Ademais, estase potenciando a elección de xefes de servizo e coordinadores a través de concursos nos que se valore o seu proxecto de saúde local, liberándoos de parte das tarefas asistenciais para centrarse nas súas labores de xestión e coordinación.

Tamén destacou a directora xeral, que xa comezou a implantación das axendas de calidade que se presentaron aos xefes de servizo de cada área sanitaria. Neste sentido, subliñou que a atención presencial se incrementou en 12 puntos dende finais do mes de maio en toda Galicia, seguindo a súa tendencia crecente que se aproxima ao 40%, e que xa acada o 48% nalgunha área sanitaria.

Remarcou, así mesmo, que a reactivación, despois da pandemia, do Consello Técnico de Atención Primaria, que facilitou a finalización dos traballos de 14 das 15 comisións sectoriais, coa presentación o día 6 de xullo das súas conclusións, co que se dispón dun marco consensuado para seguir co proceso de remodelación iniciado no 2019.

Estratexias

Tal e como detallou a directora xeral, Sanidade traballa coa finalidade de impulsar o desenvolvemento de diversas estratexias e coordinar medidas de reforma que afectan a diferentes ámbitos do primeiro nivel asistencial. A primeira das iniciativas foi reforzar o diálogo cos profesionais para avanzar nun novo modelo construído polas achegas de todos os implicados.

O segundo ámbito de medidas están encamiñadas á mellora da accesibilidade e da atención clínica e o coidado, implantando medidas que faciliten a reactivación progresiva da actividade como un obxectivo máis para a recuperación da normalidade, equilibrando a presencialidade e sen perder a vantaxe da consulta telefónica, modalidades seleccionadas a criterio do profesional.

O terceiro eido de medidas estratéxicas que se están a levar a cabo diríxense a que atención primaria abandone o papel de porta de entrada ao sistema para converterse no eixo vertebrador.

O cuarto ámbito de iniciativas nas que traballa Sanidade para reformar a atención primaria enmárcanse dentro do proxecto de transformación dixital da Consellería de Sanidade, reforzando as infraestruturas TIC dos centros de saúde. Así mesmo, continuarase mellorando os sistemas de historia clínica e teleasistencia domiciliaria. Tamén se traballa en dotar aos profesionais de ferramentas de apoio á investigación e a prevención en atención primaria.

Tal e como remarcou a directora xeral, no momento actual o 95,5% das accións a curto prazo recollidas no Plan galego de atención primaria 2019-21 están xa rematadas e Sanidade está agora procedendo ao desenvolvemento e avaliación das accións a medio prazo, das que, na actualidade, o 93,94% están iniciadas ou rematadas. As accións a medio prazo rematadas xa supoñen o 56%, téndose incrementado 10,55 puntos nos dous últimos meses.

Plan de transformación

Estrella López-Pardo incidiu en que o seu departamento seguirá a tomar decisións a través dun plan de transformación con medidas organizativas a executar a medio e longo prazo. Estas medidas centraranse na reordenación de categorías e postos de traballo, na dotación de novas categorías que fortalezan aos equipos multidisciplinares, na especialización na atención, na creación de vínculos estables con outras unidades intemedias, e no incremento de prazas de especialista de medicina e enfermería familiar e comunitaria, e tamén na pediatría.

Así mesmo, as medidas centraranse na reordenación de funcións do persoal para unha maior operatividade, en base ás novas carteiras de servizo, na revisión e actualización dos postos de xefe de servizo e unidade, na revisión do sistema actual de cobertura de ausencias, ou na cobertura de postos de traballo en lugares de baixa demanda laboral.

Imaxes relacionadas