A Xunta adxudica por preto de 263.000 euros a redacción do proxecto da nova depuradora de Cee e Corcubión

A construción da nova depuradora, cun prazo de execución de 12 meses, enmárcase na 2ª fase do Plan de saneamento da ría Cee-Corcubión que está a impulsar o Goberno galego

O obxectivo é executar unhas instalacións de depuración para dar servizo a unha poboación de 15.000 habitantes e xestionar as augas residuais do tanque de tormentas de Cee
 

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou por preto de 263.000 euros a redacción do proxecto da nova depuradora de Cee e Corcubión.
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a resolución da adxudicación deste contrato á empresa UTE Novotec Consultores, S.A & Serye Ingenieros, S.L, cun prazo de execución de 12 meses.
O obxectivo do contrato é deseñar unhas novas instalacións de depuración que permitan xestionar, en tempo seco, unha poboación de 15.048 habitantes, e con chuvias as augas residuais procedentes do tanque de tormentas situado en Cee, que elevarán ata un caudal de 170 l/s.
A construción da nova depuradora enmárcase na segunda fase das actuacións proxectadas ao abeiro do Plan de saneamento da ría Cee-Corcubión.

Primeira fase

O Goberno galego xa está a avanzar no desenvolvemento da primeira fase deste proxecto, polo que lle solicitou esta semana ao Concello de Cee a documentación municipal necesaria para a mellora do saneamento que dá servizo a este municipio e ao de Corcubión, na que prevé investir 8,1 millóns de euros.
Na primeira fase está previsto renovar o colector das Laxes, construír un tanque de tormentas e executar un colector no bombeo das Monxas que leve ata a nova estrutura as augas residuais e posteriormente as leve á depuradora, cuxa execución se enmarca na segunda fase do plan.

Para que Augas de Galicia poida avanzar nestas obras, o Concello de Cee debe aprobar o proxecto en Pleno municipal, poñer os terreos á disposición e asumir o compromiso de recepción e explotación das actuacións.

Estas actuacións están cofinanciaciadas pola Unión Europea, a través do programa operativo do Fondo europeo de desenvolvemento rexional FEDER 2014-2020.

A Xunta mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.