A Xunta adxudica a redacción do proxecto construtivo de mellora do funcionamento hidráulico do río Maior, no concello de Sada

Trátase de impulsar as actuación para reducir o risco de asolagamento na zona das Brañas e a desembocadura do río, declarada como área de risco potencial significativo de inundación

Os traballos, cun orzamento que rolda os 50.000 €, teñen un prazo de 6 meses

Definiranse as intervencións precisas para a renovación da canalización do río Maior no núcleo urbano, desde a rúa Linares Rivas ata a desembocadura na praia

Este contrato é o primeiro paso previsto no convenio de colaboración asinado entre Xunta e Concello para actuar no tramo final do río e minimizar o risco de inundacións no núcleo urbano, que recolle un investimento global de 1,57 M€
 

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou a redacción do proxecto construtivo de mellora do funcionamento hidráulico do río Maior, no concello de Sada.

O contrato foi adxudicado á empresa Novotec Consultores, S.A. por preto de 50.000 euros e ten un prazo de execución de 6 meses. A empresa adxudicataria deberá definir as actuacións necesarias para acadar o obxectivo de mellorar esta contorna fluvial.

Trátase de impulsar as actuacións para reducir o risco de asolagamento na zona das Brañas e a desembocadura do río, declarada como área de risco potencial significativo de inundación.

En concreto, mediante este contrato, definirase o proxecto para a renovación da canalización do río Maior no núcleo urbano, desde a rúa Linares Rivas ata a desembocadura na praia.

Este proxecto enmárcanse no convenio de colaboración asinado no mes de decembro entre Augas de Galicia, entidade adscrita á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, e o Concello de Sada para actuar no treito final do río e evitar inundacións no núcleo urbano, que recolle un investimento conxunto de 1,57 millóns de euros.

Coa adxudicación deste contrato trátase de realizar, primeiramente, un estudo de alternativas coa proposta máis adecuada para actuar no treito final do río. Este será o primeiro paso das actuación previstas no convenio e base para o desenvolvemento posterior do proxecto construtivo da solución determinada, para acometer as obras necesarias.

As actuacións do convenio

Segundo o convenio asinado, do total da achega, a redacción do proxecto construtivo, adxudicado hoxe por Augas de Galicia será asumido polo Concello.

Os 1,5 millóns de euros restantes destinaranse á execución das obras, achegando 500.000 euros a entidade hidráulica da Xunta e 1 millón de euros o Concello de Sada. As actuacións contarán co cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

No cumprimento do obxecto deste convenio, Augas de Galicia comprométese, ademais, a realizar o estudo de alternativas, contratar a redacción do proxecto da obra de acordo coa proposta seleccionada polo Concello de Sada, así como á súa supervisión e aprobación. Tamén se obriga á contratación, dirección e execución das obras ata completar a súa finalización.

Pola súa banda, o Concello de Sada asume determinar a proposta máis adecuada das resultantes do estudo de alternativas elaborado polo organismo hidráulico da Xunta, a posta á disposición dos terreos necesarios para o inicio das obras e a realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución; así como a obriga de recibir as obras que non formen parte do dominio público hidráulico, e asumir o seu mantemento e conservación.

Área de risco potencial significativo de inundación, Arpsi

Augas de Galicia redacta e revisa cada seis anos a avaliación preliminar do risco de inundación (EPRI) da demarcación hidrográfica Galicia-Costa, considerándose na actualización correspondente ao segundo ciclo 2021-2027, a zona das Brañas e a desembocadura do río Maior, en Sada, como área de risco potencial significativo de inundación (ARPSI).

O proceso de planificación, unha vez declarada unha zona como área de risco, leva consigo o posterior desenvolvemento de mapas de risco de inundación, para a súa incorporación ao plan de xestión de risco de inundación. Este plan permite, xunto co estudo e a determinación das medidas que se consideren necesarias para tratar de minimizar os riscos de inundación, incrementar a calidade ambiental das contornas fluviais e recuperar a condición dos ríos como hábitats naturais, para a súa execución por cada unha das autoridades competentes.

Independentemente deste proceso, o Concello de Sada presentou un estudo sobre o deficiente funcionamento e insuficiencia de capacidade de desaugue e os continuos atrancos dos ríos Maior e Fontoria no treito final, no que existen catro ovoides, propoñendo substituílos por un marco de sección interior de 4x1,50 metros, similar ao resto de treitos do canal que discorre polo núcleo urbano.

A partir de todo este traballo, realizarase o estudo alternativas para poder decidir a solución óptima e eficaz na redución do risco de inundación da área de risco potencial significativo de inundación de Sada, podendo considerarse esta actuación conxunta como unha primeira medida das que corresponda acometer para minimizar os riscos de inundacións neste concello.

O departamento que preside Ethel Vázquez segue apostando pola colaboración entre todas as administracións e axentes implicados para estar máis preparados fronte ás inundacións e acadar unha máis rápida e mellor recuperación fronte ás súas posibles consecuencias.