A Consellería de Política Social desenvolve dous minicampamentos en Covelo para impulsar o ocio educativo e a conciliación

O delegado territorial, Luis López, e o alcalde, Pablo Castillo, visitan a primeira quenda de Aventura en Paradanta, con vinte rapaces participantes, que terá continuidade a vindeira semana

"A Xunta, dentro das moitas modalidades de campamentos, formación e axuda ás familias, dispón este ano de 600 prazas no programa Coñece Galicia da campaña de verán", sinala

Todas as actividades xuvenís de verán impulsadas pola Xunta de Galicia contan cun protocolo sanitario fronte á covid-19 para outorgar a maior seguridade aos cativos
 

Covelo, 15 de xullo de 2021

A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, está a desenvolver dous minicampamentos no Concello de Covelo, enmarcados no programa Coñece Galicia da campaña O Verán Que Mereces 2021, cos que pretende impulsar o ocio educativo e a conciliación familiar.


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado do alcalde de Covelo, Pablo Castillo, e da xefa territorial de Política Social, María José Pérez Izaguirre, visitou esta mañá a primeira quenda do minicampamento Aventura en Paradanta e departiu cos monitores e coa vintena de rapaces participantes, con idades comprendidas entre os 10 e os 14 anos.


"A Xunta de Galicia, dentro das moitas modalidades de campamentos, formación estival e accións de conciliación e axuda ás familias, está a impulsar por segundo ano consecutivo este formato de minicampamentos, que consiste en estadías curtas, de cinco días, e que está a ser moi éxitoso, xa que esgotou rapidamente as súas 600 prazas", especificou o representante autonómico.


Luis López engadiu que o obxectivo desta novidosa modalidade "céntrase en amosar aos cativos a riqueza patrimonial e natural de Galicia, o coidado do medio ambiente e impulsar o ocio educativo, polo que para unha acción destas características o municipio de Covelo é un dos enclaves máis idóneos".


Deste xeito, ao longo desta semana estase a desenvolver a primeira quenda de Aventura en Paradanta, que terá a súa continuidade entre os días 19 e 23 de xullo con outros vinte rapaces participantes.


Todos eles estanse a aloxar no lugar das Devas e desenvolven, durante os cinco días do minicampamento, actividades como excursións a Monçao e Farum, xogos de pistas, roteiros de interpretación, láser tag, slackline, tiro con arco, kaiak, rafting polo río Miño ou xogos na praia fluvial de Maceira, entre outras.


En total, a Consellería de Política Social habilitou este verán 30 quendas, con vinte participantes cada unha, deste formato de minicampamentos entre os meses de xullo e agosto e distribuíunas entre trece localizacións da comunidade galega. Ademais, a campaña O Verán Que Mereces 2021 alcanza, incluíndo todas as modalidades de campamentos e campos de voluntariado, un total de 7.800 prazas a disposición da mocidade e desprégase cun protocolo sanitario fronte á covid-19 para outorgar a maior seguridade sanitaria aos cativos.
 

Imaxes relacionadas