A Xunta de Galicia destina 240.000 euros para o funcionamento e a reforma do comedor social da cociña económica compostelá

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, visitou hoxe a entidade

Salientou o grande esforzo que se está a levar a cabo nestes momentos tan difíciles no coidado das persoas que se encontran nunha situación de vulnerabilidade
 

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2021

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, visitou hoxe a Cociña Económica de Santiago de Compostela, onde destacou o labor que levan a cabo nestes momentos tan difíciles as entidades dedicadas á mellora de calidade de vida das persoas que se encontran nunha situación de vulnerabilidade. Ademais, puxo en valor que nos últimos meses estas organizacións tiveron que facer fronte a unha situación sen precedentes.
A Xunta de Galicia, na última convocatoria de entidades 2020-2022, achegou 240.000 euros para a Cociña Económica compostelá. Este investimento serviu para garantir o funcionamento do comedor social, para a adquisición dunha furgoneta e material de protección contra a covid-19 e para a reforma dos espazos da residencia desta entidade, entre outros fins.

Arturo Parrado, acompañado do presidente da cociña económica, Manuel José Botana Agra, percorreu as instalacións para comprobar as novidades, o resultado das reformas do comedor social ou a mellora dos espazos da residencia.

Imaxes relacionadas