A Xunta leva a Pontevedra a mostra homenaxe a Xela Arias 'Asinamos a ser libres'

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe a exposición itinerante na Biblioteca Pública Antonio Odriozola, onde permanecerá ata o 28 de xullo

Pontevedra, 15 de xullo de 2021

O secretario xeral de Cultura Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe na Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, xestionada pola Xunta, a exposición itinerante Asinamos ser libres, unha homenaxe a Xela Arias no marco das Letras Galegas 2021. Comisariada pola profesora e biógrafa María Xesús Nogueira, a mostra componse de dez paneis nos que se combinan texto explicativo e fragmentos de obras e de intervencións da autora con fotografías de Xulio Gil, do Arquivo familiar Arias Castaño e do Arquivo de Edicións Xerais de Galicia. Como resultado, a instalación ofrece un amplo percorrido pola vida e as diferentes vertentes profesionais e culturais que abrangueu a escritora.

No acto desenvolvido hoxe, no que tamén participou Xulio Gil en representación da familia, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade destacou a relevancia desta mostra, que permite prolongar a homenaxe a Xela Arias no tempo e no territorio, e reforzar o coñecemento desta figura “que fixo da palabra o elemento central da súa vida” e deixou “unha orixinalísima contribución á modernización da lingua literaria galega”.

Así, Asinamos ser libres inclúe referencias á infancia de Xela Arias, situando como os seus espazos vitais Sarria e Lugo, onde naceu e pasou parte da súa infancia, e Vigo, onde chegaría con sete anos para ficar. Tamén reflicte como o contexto de efervescencia política e cultural da década dos 80 marcou a súa adolescencia e paso á vida adulta.

Actividade poética

Canto á súa actividade poética, afóndase nos seus inicios, nos soportes nos que publicou e nas influencias do contexto literario e sociopolítico do momento. A mostra recolle tamén a súa faceta no eido da tradución, no que foi pioneira, e a conxugación do seu texto coa imaxe a partir da súa relación co fotógrafo Xulio Gil e que deu como froito o traballo Tigres coma cabalos.

Outro dos episodios destacados neste achegamento á figura de Xela Arias é o da maternidade, cuxa relevancia quedou patente no seu libro Darío a diario, e a publicación do seu derradeiro poemario Intempériome, que tamén conxugou con outras linguaxes, neste caso a musical. O repentino falecemento da autora e o seu legado pechan o amplo percorrido vital e profesional que pode visitarse desde hoxe na Biblioteca Pública de Pontevedra.

As persoas que se acheguen ao centro bibliotecario poderán ver a exposición ata o 28 de xullo. A continuación, trasladarase á Fundación Otero Pedrayo, no concello ourensán de Amoeiro, onde permanecerá ata mediados de agosto.

Asinamos ser libres segue ata finais de ano, con exhibicións no Concello de Outes, nas bibliotecas públicas xestionadas pola Xunta en Lugo, A Coruña e Ourense, no Concello de Boiro e na Fundación Curros Enríquez-Casa dos Poetas, no municipio ourensán de Celanova. A iniciativa arrancou o pasado maio na biblioteca Ánxel Casal, en Santiago, e estivo tamén na Delegación Territorial da Xunta en Vigo e no Concello de Sarria.