O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, asistiu á inauguración do evento, que se celebra no Coliseo Noela de Noia

Política Social presenta a primeira xornada de innovación social da Fundación Amicos sobre a creación de novas oportunidades para as persoas con discapacidade

Durante o acto déronse a coñecer diferentes proxectos que contribuirán a impulsar tanto o emprego e a formación das persoas con discapacidade, como a competitividade e a innovación social das entidades e empresas de economía social neste eido

Fernando González Abeijón destacou a importancia destes programas, que avanzan cara a mellora da calidade de vida e a plena inclusión das persoas con discapacidade

A Xunta de Galicia duplicou nos últimos anos o orzamento destinado á discapacidade ata chegar aos 126 millóns de euros, creando ano a ano novas prazas e servizos
 

Noia, 15 de xullo de 2021

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, presentou á primeira xornada de Innovación Social da Fundación Amicos, unha entidade dedicada a traballar pola inclusión e a igualdade das persoas con discapacidade. Durante o acto de hoxe se presentaron varios proxectos que contribúen a impulsar tanto o emprego e a formación das persoas con discapacidade, como a competitividade e a innovación social das entidades e empresas de economía social neste eido. A Xunta de Galicia duplicou nos últimos anos o orzamento destinado á discapacidade ata chegar aos 126 millóns de euros, creando ano a ano novas prazas e servizos.

Fernando González Abeijón destacou a importancia de poñer en marcha este tipo de programas que pretenden avanzar cara a mellora da calidade de vida e a plena inclusión das persoas con discapacidade. Neste seno, puxo en valor o esforzo diario das institucións que levan a cabo estas iniciativas para aumentar a autonomía e a autoestima deste colectivo a través do impulso da innovación.

Durante o acto se presentaron varios proxectos relacionados co impulso da inclusión da discapacidade nas políticas de responsabilidade social. Un deles é o Proxecto Erasmus Train-Inc, unha proposta que ten como obxectivo o intercambio e a aprendizaxe intercultural das persoas con discapacidade a través de obradoiros, viaxes e encontros nos que participantes de distintos países compartan metodoloxías de traballo. Esta iniciativa céntrase na formación para o emprego e a inclusión laboral.

Outra das propostas que se expuxeron, Amicovid19, céntrase en como a crise do coronavirus evidenciou a necesidade de flexibilizar e adaptar os servizos á nova realidade. O proxecto fai, así, especial fincapé nas consecuencias que deixou a pandemia en toda a sociedade pero, sobre todo, na que se atopa nunha situación de maior vulnerabilidade.

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade insistiu en que estas iniciativas, sen dúbida, contribuirán a un maior empoderamento das persoas con discapacidade, salientando a colaboración con empresas que destacan neste eido, como Jealsa, Rianxeira e Properdis.

Imaxes relacionadas