A Xunta de Galicia pon en valor as casas de acollida para a inclusión social das persoas con enfermidades mentais e en risco de exclusión na súa visita á Casa da Porteliña

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, visitou hoxe o centro situado en Ponteareas xestionado pola Asociación Dar Máis

A Xunta de Galicia achega a esta entidade máis de 57.000 euros para o funcionamento dunha das súas casas de acollida e para a adquisición dun vehículo

No remate da visita acompañou a dous dos usuarios na celebración do seu aniversario

Ponteareas (Pontevedra), 14 de xullo de 2021

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, visitou hoxe a Casa da Porteliña da Asociación Dar Máis, unha casa de acollida para persoas con enfermidades mentais que se atopan en risco de exclusión social. Alí o representante autonómico puxo en valor este tipo de centros, que traballan para mellorar a vida das persoas máis vulnerables e que co seu labor fan que Galicia siga a avanzar cara un futuro máis inclusivo.

Ademais de percorrer as instalacións da entidade, Arturo Parrado aproveitou para coñecer os seus traballadores e usuarios, cos que conversou acerca do seu día a día no centro, que inclúe actividades como nadar no río, campionatos de futbolín, traballos manuais con madeira ou terapia ocupacional. A Xunta de Galicia demostra o seu compromiso con estas asociacións a través da liña de axudas da última convocatoria 2020-2022, onde á Asociación Dar Máis recibiu máis de 57.000 euros para o funcionamento duns dos seus centros e para a adquisición dun vehículo.

O director xeral de Inclusión Social tamén quixo acompañar a dous dos usuarios da Porteliña na celebración do seu aniversario. Os homenaxeados cumpriron 63 e 57 anos, e os traballadores da casa prepararon unha pequena merenda para soprar as velas e achegarlles algúns agasallos.

Imaxes relacionadas