Valeriano Martínez pón en valor a iniciativa da Xunta para instalar caixeiros e prestar servizos de asesoramento financeiro nos concellos do rural

Un total de 34 concellos asinaron xa os convenios de colaboración co Goberno galego para dispoñer destes servizos

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2021

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, explicou hoxe no Parlamento a iniciativa posta en marcha pola Xunta de Galicia para instalar caixeiros e prestar servizos de asesoramento financeiro nos concellos do rural.

Durante a súa intervención no Pleno do Cámara galega para responder a unha pregunta oral sobre servizos financeiros, defendeu que esta iniciativa busca, ademais da instalación de caixeiros, a prestación dos servizos de asistencia e formación financeira. Neste sentido, Valeriano Martínez sinalou que Galicia conta cunha das iniciativas máis ambiciosas do Estado para evitar a exclusión financeira no ámbito rural.

Ademais, o conselleiro subliñou que un total de 34 concellos asinaron xa os convenios de colaboración coa Xunta para dispoñer de caixeiro automático e de servizos de atención financeira ao cidadán dos que se beneficiarán preto das 48.000 galegas e galegos que viven nestes municipios. “Trátase de facer política útil para dar solución aos problemas que teñen os cidadáns”, subliñou.

A medida posta en marcha polo Goberno galego está baseada en tres liñas de actuación: a instalación de caixeiros automáticos nas dependencias municipais; a prestación dun servizo de asistencia financeira que permita, de xeito semellante a unha oficina bancaria convencional, solucionar de xeito presencial as dúbidas; e unha oferta de formación financeira e banca electrónica para adquirir nocións básicas e aprender a utilizar os servizos bancarios a través das novas tecnoloxías.

Finalmente, o conselleiro de Facenda e Administración Pública sinalou que, en todo caso, o problema da exclusión financeira ten unha dimensión nacional que require dunha actuación global e coordinada por parte do Goberno de España.

Imaxes relacionadas