O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, respondeu hoxe a varias preguntas no Pleno do Parlamento

A Xunta pide ao Goberno que adopte as medidas necesarias para frear o encarecemento do recibo da luz

Conde recoñece que non chega con medidas temporais que son “insuficientes” e requiren dunha “rectificación” por parte do Goberno para abrir un diálogo serio que permita establecer medidas estruturais de reforma do sistema eléctrico

Asegura que o único modelo que defende a Xunta é o da minaría sustentable, comprometida co coidado do medio ambiente, co uso respectuoso dos recursos naturais e coa compatibilidade co resto de actividades

Remarca que o que se lle está a exixir aos posibles compradores de Tenaisie Provote é que presenten un proxecto que sexa solvente, viable e centrado en Galicia; e que a proposta elixida polo administrador concursal e a xustiza terá á súa disposición todas as liñas de apoio da Xunta
 

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, pediu hoxe ao Goberno que sexa sensible ás circunstancias excepcionais que viven moitas familias debido á covid e adopte as medidas que sexan necesarias para frear o encarecemento do recibo da luz e as continuas flutuacións no prezo da electricidade.

Nunha resposta parlamentaria durante o Pleno da Cámara, Conde recoñeceu que non chega con medidas temporais que son “insuficientes” e requiren dunha “rectificación” por parte do Goberno para abrir un diálogo serio que permita establecer medidas estruturais de reforma do sistema eléctrico. Medidas, engadiu, para resolver os problemas que o prezo da electricidade está xerando na economía das familias, e na competitividade de pemes, autónomos e da industria en xeral.
Neste contexto, apuntou que a Xunta está a desenvolver unha campaña para facilitar aos consumidores galegos a información necesaria para aforrar na factura da luz. Tamén adiantou que se ampliará por segunda vez o bono social eléctrico galego ata os 2,1M€, o que supón incrementar en máis dun 60% o crédito previsto nos Orzamentos (1,3M€). E que se seguirá coas axudas para consolidar unha cultura de aforro e eficiencia enerxética e cunha aposta clara polas enerxías renovables e a mobilidade sostible.

Subliñou, así, que o Goberno está deixando pasar oportunidades para buscar solucións que realmente poidan resolver os problemas que ten xerado coa súa transición enerxética caótica e improvisada, carente de calquera tipo de planificación. E dixo que o exemplo máis claro está na industria electrointensiva e en empresas concretas como Alcoa San Cibrao e Alu Ibérica Coruña, ou tamén na central das Pontes.

Mina de Touro

En resposta a unha pregunta sobre a mina de Touro, o vicepresidente económico asegurou que o único modelo que defende a Xunta é o da minaría sustentable, comprometida co coidado do medio ambiente, co uso respectuoso dos recursos naturais e coa compatibilidade co resto de actividades.

Nesta liña, asegurou que a Administración autonómica realiza as inspeccións ambientais oportunas para velar polo cumprimento dos parámetros establecidos na súa autorización ambiental, e subliñou que está actuar na vixilancia e corrección, no seu caso, das incidencias que se poidan producir.

Thenaisie Provote

Por outro lado, preguntado acerca da situación da conserveira Thenaisie Provote, Conde salientou que a Xunta permanece ao lado dos traballadores do Grove (Pontevedra) e de Mos (Pontevedra) desde o primeiro momento, tratando de reconducir a situación da empresa e conseguir manter a produción e o emprego. Nese sentido, lembrou que o que se lle está a exixir aos posibles compradores é que presenten un proxecto que sexa solvente, viable e centrado en Galicia.

Conde asegurou que a iniciativa elixida polo administrador concursal e o xuíz terá á súa disposición todas as liñas de apoio da Xunta, que se activarán unha vez adquirida a unidade produtiva para garantir as mesmas oportunidades a todos os posibles compradores. Segundo dixo, o Goberno galego seguirá actuando coa máxima responsabilidade, deixando á xustiza facer o seu traballo e colaborando como ata o de agora.