Luis López avanza que a Xunta aprobará este verán o proxecto de mellora integral do abastecemento de Arbo, cun orzamento de 2 M€

O delegado territorial, acompañado do alcalde Horacio Gil, informou do estado de tramitación desta actuación nunha visita de supervisión aos traballos de impermeabilización dos depósitos

Esta primeira fase, xa rematada logo dun investimento da Xunta de máis de 48.000 €favorece o control da calidade da auga con obras nas cinco infraestruturas hidráulicas do municipio

A actuación de mellora integral do abastecemento ncluirá dous bombeos, dúas impulsións e unha potabilizadora no Couto
 

Arbo, 14 de xullo de 2021

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, avanzou esta mañá que a Xunta está a ultimar a supervisión do proxecto de mellora integral do abastecemento de Arbo co obxectivo de aprobalo este verán.

O representante autonómico, acompañado polo alcalde de Arbo, Horacio Gil, informou do estado administrativo desta actuación, orzamentada en máis de 2 millóns de euros, nunha visita de supervisión ás obras de impermeabilización dos depósitos de abastecemento e mellora do control da calidade da auga. Son estas unhas actuacións xa están rematadas e que supuxeron un investimento de máis de 48.000 euros por parte da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

"A Xunta de Galicia ten un compromiso de colaboración máxima cos concellos na dotación e mellora da subministración de auga potable á poboación, malia tratarse dunha competencia municipal", sinalou Luis López.

Remarcou que, no marco desa liña de apoio, "vimos de acometer unha primeira fase para a mellora da calidade das augas en Arbo e estamos preparando un proxecto de maior calado que solucionará por completo a situación", detallou o delegado territorial, que destacou o traballo da Xunta "na loita contra a seca e os seus efectos para garantir o abastecemento á poboación".

O proxecto de mellora integral do abastecemento céntrase na subsanación das deficiencias detectadas na captación do río Deva, que surte á práctica totalidade do municipio, coa execución de bombeos en Praia do Val e O Couto, impulsións entre estes dous puntos e tamén entre O Couto e Paravedra e unha estación de tratamento de auga potable no Couto.

"Este proxecto, que xa conta co informe favorable de Sanidade, xa pasou unha primeira supervisión, que serviu para realizar algúns cambios que mellorarán a infraestrutura e agora afronta a súa aprobación definitiva, que quedará lista neste verán", detallou o representante autonómico.

Polo demais, a visita en Arbo serviu para comprobar o remate da primeira fase de modernización do abastecemento coa impermeabilización dos depósitos e a mellora do control da calidade da auga.

En concreto, estas obras consistiron na impermeailización dos depósitos do Couto e os dous situados na Abelenda; na reparación das zonas fisuradas da estrutura do Vieiro; e na instalación de caudalímetros electromagnéticos nos cinco depósitos principais de Arbo para detectar consumos anómalos e acadar unha xestión máis eficaz. Ademais, na potabilizadora de Arbo tamén se colocou un regulador dixital para a medida e regulación do cloro e da temperatura da auga.
 

Imaxes relacionadas