A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda coñeceu hoxe o funcionamento do punto limpo móbil do concello de Portomarín

Medio Ambiente convoca por 1,5 M€ a orde para a adquisición de puntos limpos móbiles

Ángeles Vázquez adianta que a Xunta quere dar resposta ao alto número de solicitudes e focaliza as axudas nos concellos de menos de 3.000 habitantes, que poderán acceder ao 100% do custo, cun máximo de 70.000 €

Lembra que máis de 2,2 millóns de galegos contan cun punto limpo fixo a menos de 10 minutos do seu domicilio, polo que cos móbiles se completará a rede autonómica

Portomarín (Lugo), 14 de xullo de 2021

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, animou aos concellos galegos de menos de 3.000 habitantes a solicitar unha axuda para a adquisición dun punto limpo móbil. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Orde pola que se convocan estas subvencións e cuxas solicitudes se poden presentar ata o vindeiro 15 de agosto, un mes despois tras a súa publicación no DOG.

A conselleira, acompañada polo delegado territorial da Xunta na Lugo, Javier Arias, supervisou esta mañá o funcionamento do punto limpo móbil de Portomarín, adquirido polo Concello tras a concesión dunha destas axudas.

Nesta ocasión, a orde é exclusiva para a adquisición de puntos limpos móbiles, co fin de atender ao alto número de solicitudes, e outro requisito é que só poden beneficiarse concellos de menos de 3.000 habitantes —como Portomarín—, xa que son os que adoitan presentar maiores dificultades á hora de asumir o investimento necesario para adquirir este tipo de vehículos.

Ángeles Vázquez aclarou que esta decisión tamén está xustificada pola necesidade de dar cumprimento ao Plan de xestión de residuos urbanos de Galicia 2020-2022, que outorga prioridade a estes concellos por ser o punto limpo móbil a opción que mellor se adapta as súas características.

Así, subliñou que a axuda poderá ser do 100% do orzamento, cun máximo de 70.000 euros, para solicitude individual dun municipio, mentres que para unha agrupación de varios pode chegar aos 100.000 euros.

Na nova orde establécense catro modelos de vehículos subvencionables: un contedor/caixa metálica de gran volume —modelo que poderá ser elixido só se a entidade local dispón de camión adaptado con equipo de gancho para a súa carga e traslado—; un remolque e contedor metálico de gran volume —sempre e cando o concello dispoña dun camión adaptado para a súa carga e traslado—; un camión con caixa e chasis; ou unha furgoneta adaptada con diferentes contedores ou compartimentos.

Os puntos limpos serven para a recepción e clasificación de residuos de orixe doméstica, como paso previo a súa xestión, entre os que se inclúen aceites vexetais usados, téxtiles, voluminosos ou elementos eléctricos e electrónicos.

Polo tanto, o obxectivo da nova liña de axudas é mellorar e ampliar a xestión de residuos especiais de competencia municipal, co fin de favorecer a súa axeitada recollida, clasificación e preparación para a reutilización. De xeito paralelo, tamén se evita a proliferación de puntos de vertido incontrolado nas contornas e espazos naturais.

Nese sentido, lembrou que máis de 2,2 millóns de galegos contan cun punto limpo fixo a menos de 10 minutos do seu domicilio, aos que se engaden os 43 móbiles adquiridos ao abeiro das dúas convocatorias anteriores —por un importe de 1,5 M€—, e que beneficiaron a máis dun cento de concellos.

Deste xeito, tal e como concluíu a conselleira, grazas a esta nova liña de actuación completarse a rede autonómica de puntos limpos e avanzarase no obxectivo de que toda a cidadanía dispoña deste servizo.

O alcalde de Portomarín, Juan Carlos Serrano, trasladou o seu agradecemento á conselleira polo apoio para dotar ao concello dun punto limpo móbil, que “axudará a poñer en valor e mellorar o medio ambiente”, unha cuestión que “está na folla de ruta de todos”.

Imaxes relacionadas